O investigador, Álvaro M. Leiro, premio ao Mellor Artesán de Vangarda de España 2023
O investigador, Álvaro M. Leiro, premio ao Mellor Artesán de Vangarda de España 2023
Valoran que a súa investigación protexe do esquecemento un oficio tradicional e eleva a artesanía á categoría do luxo
Vai para unha semana que Álvaro Leiro recibiu en Madrid o premio do Mellor Artesán de Vangarda que concede o Círculo Fortuny aos mestres que, coma el, salvan un oficio tradicional do esquecemento e conservan a fachenda dos traballos ben feitos. E non só iso, senón que logran elevar ese traballo ao olimpo do luxo na actual sociedade de consumo rápido.
"Estou facendo cousas de vangarda partindo dunhas raíces e unha das cousas que tamén valoran é ese enraizamento cunha zona. A cestería en espiral é a primeira cestería que houbo. Despois, aínda fun un paso máis aló, fun cara as corozas. Valoran moito ese traslado que estou facendo eu diso tan ancestral que protexo o contemporáneo", cóntanos.
Cre que mereceu o galardón polo reto que asumiu nos últimos anos. A firma de luxo española Loewe descubriu este autodidacta da cesteiría na Feira dos Pendellos da Golada en 2018, cando recuperaba antigas corozas.
"Ás veces a peza orixinal é feita en material vexetal e o traslado ao coiro é complexo. Outras veces, lánzanme un reto, se podo facer algo inspirado en tal cousa como pasou coas corozas o ano pasado".
Nun mundo onde a artesanía está mal pagada, os seus bolsos cotízanse en miles de euros no Salón da Moda de Milán.
"Eses últimos cestos que fixemos para o Salón de Milán un deles valía 5.200 euros e outro, 6.500".
Na súa aldea de Moscoso, en Pazos de Borbén, é un orgullo local.