Publicador de contidos
Publicador de contidos

Os veciños de Nespereira, en Pazos de Borbén, cortan unha estrada pola súa perigosidade

Os veciños de Nespereira, en Pazos de Borbén, cortan unha estrada pola súa perigosidade

A EP-2702 canalizou o tráfico pesado, que xa non pode circular polo núcleo urbano de Redondela

Os veciños levan anos protestando por unha vía estreita, con moitas curvas perigosas, e polo que circulan a diario tres autobuses escolares

G24.gal 14/05/2024 13:10

Os veciños de Nespereira levan tres anos reclamando melloras na estrada EP-2702. Dende que Redondela prohibiu o ano pasado o tráfico pesado polo núcleo urbano, esta vía converteuse nun punto estratéxico para acceder ao polígono de Amoedo. Oito quilómetros de curvas moi pechadas, sen beiravías, e con accidentes case a diario que fan moi perigosa a circulación dos autobuses escolares e o tráfico pesado.

Estes veciños de Nespereira e Os Valos uníronse nunha plataforma que leva anos mobilizándose para que se executen obras nunha estrada en moi mal estado que agora é un punto estratéxico, e negro, na rede viaria. Oito quilómetros que unen a nacional 550 co polígono de Amoedo e zonas industriais do interior, de Ponte Caldelas e A Lama.

A vía comeza no alto dos Valos no concello de Redondela e remata en Amoedo, no concello veciño de Pazos de Borbén. Os afectados salientan que é unha estrada excesivamente estreita pola que circulan diariamente infinidade de camións e tres autobuses escolares que teñen que arrimarse nunha beiravía case inexistente para xirar ou deixar pasar os camións. Din que os accidentes son continuos, que as rodas dos coches sofren polo mal estado do firme, e que a perigosidade das curvas calquera día van ocasionar unha desgraza. 

Os veciños de Nespereira van por todas e estenderán os cortes e as protestas á nacional 550.  

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade