A sabotaxe dunha depuradora provoca unha vertedura nun río de Pazos de Borbén
A sabotaxe dunha depuradora provoca unha vertedura nun río de Pazos de Borbén
A chamada de varios particulares ao 112 alertaron da vertedura no río Nespereira na tarde de onte
Sospeitan que saltaron o peche e accederon ao cadro para apagar a depuradora
Na tarde de onte, os servizos de emerxencias recibiron o aviso dun verquido ao río Nespereira, no concello pontevedrés de Pazos de Borbén. Segundo apuntan as investigacións, foi causa dun acto vandálico, pois manipularon a depuradora que deu orixe á vertedura.
Aínda hoxe no depósito da depuradora se podían ver restos dunha substancia branca que na tarde de onte cubría as augas do río Nespereira. "De feito aínda se aprecian no pozo restos dunha substancia branca que non é de restos fecais", explica Roberto Costa, operario de mantemento do concello.
Polo de agora non se sabe de que substancia se trata. Foi a chamada de varios particulares que alertaron o 112 de que se estaba a producir un vertido ao río.
"Avisáronme e cando cheguei estaba a Garda Civil e o que fixen foi poñela en marcha pois estaba a apagada", indica Leopoldo Malvesada, técnico da empresa instaladora eléctrica.
As investigacións apuntan que se trata dun acto vandálico. Entraron pola parte de atrás e abriron este cadro para manipular a depuradora que dá servizo ás dúas parroquias máis grandes do concello, Nespereira e Cepeda, uns 1017 veciños. Segundo lles indicaron aos axentes, "estaba a rede un pouco baixada, as portas da caixa abertas e a depuradora apagada".
A sabotaxe puido producirse entre o martes e o mércores festivo, pois o luns estiveran revisándoa como adoitan facer tres veces por semana. Roberto Costa é un dos operarios que cada día revisa a depuradora e explica que estas "levan unhas bombas e ao estar apagada vai directa a auga ao río sen pasar polo sistema". Isto obrigou a activar os mecanismos de protección, e contaron coa colaboración tamén da Garda Civil, o GES de Mos e das autoridades medioambientais de Galicia.