Publicador de contidos
Publicador de contidos

O IPC cae ata o 1,5 % e o prezo dos alimentos rexistra a menor taxa en tres anos

O IPC cae ata o 1,5 % e o prezo dos alimentos rexistra a menor taxa en tres anos

O abaratamento dos carburantes e dos lubricantes recortou en oito décimas o Índice de Prezos do Consumo en setembro

En Galicia a inflación situouse en setembro no 1,2 por cento e os alimentos moderaron a súa suba ata o 1,6%, dúas décimas por baixo do conxunto de España

G24.gal 15/10/2024 08:57 Última actualización 15/10/2024 10:57

O Índice de Prezos de Consumo (IPC) freouse en setembro e recortou oito décimas a súa taxa interanual, ata o 1,5 %, a cifra máis baixa desde 2001 segundo datos publicados este martes polo Instituto Nacional de Estatística.

A moderación débese ao abaratamento dos carburantes, os lubricantes e os paquetes turísticos, pero tamén ao menor custo do prezo dos alimentos, que reduciu en sete décimas a súa taxa interanual ata situarse no 1,8 %, a máis baixa desde setembro de 2021.

O chocolate, o que máis sobe

A moderación no prezo dos alimentos foi consecuencia, principalmente, do abaratamento dos aceites e graxas, e do menor custo de froita, legumes e hortalizas.

O chocolate desbancou o aceite de oliva como o produto da cesta da compra que máis sobe: subiu en setembro un 20,7 % na súa taxa interanual, mentres que o aceite o fixo nun 10,3 %.

Despois do chocolate, os alimentos que máis soben son os zumes de froitas e vexetais (16,2 %), o cacao e chocolate en po (12 %), a carne de ovino e caprino (11,2 %) e as patacas (8,9 %).

Os alimentos que pasaron ao terreo negativo son os aceites comestibles, que baixaron un 5,9 %; os legumes e hortalizas frescas, cun descenso do 3,8 %; as pizzas e quiches, que baixan un 3,7 %, e o leite desnatado, que abaratou un 3,3 %.

Co descenso do IPC interanual no noveno mes do ano, a inflación encadea catro meses consecutivos de descensos despois das subidas experimentadas en marzo, abril e maio, que levaron o IPC a escalar ata o 3,6 %.

A inflación subxacente (a que non inclúe os alimentos non elaborados nin os produtos enerxéticos) moderouse tres décimas en setembro, ata o 2,4 %, a taxa máis baixa desde xaneiro de 2022.

Os prezos fréanse en Galicia en setembro e sitúanse por baixo da media estatal

O Índice de Prezos de Consumo (IPC) freouse en setembro en Galicia ata o 1,3 % na súa taxa interanual, un punto menos que o mes anterior e dúas décimas menos que a media estatal. A inflación dos alimentos recortouse en seis décimas, ata o 1,6 %, e situouse dúas décimas por baixo do conxunto de España.

Os datos publicados polo Instituto Nacional de Estatística corroboran que Galicia, tras meses dun maior aumento de prezos, logrou corrixir o diferencial co conxunto de España.

A moderación da taxa xeral en Galicia débese principalmente á baixada dos prezos do grupo do transporte, que descendeu un 4 % na comunidade, 3,1 puntos menos que en agosto, e á caída de prezos das gasolinas. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade