O IPC repunta en abril ata o 3,3 % e os alimentos volven subir
O IPC repunta en abril ata o 3,3 % e os alimentos volven subir
Esta repunta débese á suba do prezo do gas, fronte á baixada en abril do ano pasado, e a unha menor caída do custo da electricidade respecto ao ano pasado
O IPC sobe en Galicia ata o 3,7 %
O índice de prezos de consumo repuntou en abril ao 3,3 % interanual, unha décima máis que o mes anterior, polo encarecemento do gas e o menor abaratamento da electricidade, mentres que os alimentos incrementaron catro décimas, ata o 4,7 %.
O Instituto Nacional de Estatística confirmou este martes o dato de inflación adiantado hai dúas semanas, cuxa repunta se debe á subida do prezo do gas, fronte á baixada en abril do ano pasado, e a unha menor caída do custo da electricidade respecto ao ano pasado.
Confírmase igualmente a taxa de inflación subxacente (sen enerxía nin alimentos non elaborados), que se situou no 2,9 % interanual en abril, catro décimas menos que o mes anterior e por baixo da taxa xeral por primeira vez desde novembro de 2022.
En concreto, o prezo dos alimentos e bebidas non alcohólicas ampliou en abril o seu avance interanual ao 4,7 %, catro décimas máis que en marzo, debido, no seu maior parte, á subida dos prezos das froitas, e dos legumes e hortalizas
O IPC sobe en Galicia ata o 3,7 %
Galicia situouse en abril como a comunidade autónoma española con maior inflación, que subiu ata un 3,7 % en comparación co mesmo mes de 2023, segundo datos publicados este martes polo Instituto Nacional de Estatística. Desta maneira, o IPC galego estivo catro décimas por encima da media nacional, xa que no total de España este indicador contabilizou un aumento do 3,3 %.
En concreto, os alimentos e bebidas non alcohólicas incrementaron o seu prezo un 5,6 % no último ano en Galicia, mentres que as bebidas alcohólicas e o tabaco encarecéronse un 3,2 %.
Só as comunicacións diminuíron os seus prezos no último ano, caendo un 0,1 %. No que vai de 2024, os prezos subiron na comunidade autónoma un 1,9 % (mesmo dato que a media nacional) en comparación con marzo, un 0,8 % (unha décima máis que a media de España).