Publicador de contidos
Publicador de contidos

O IPC sobe ata o 3,3 % polo encarecemento do gas e os alimentos

O IPC sobe ata o 3,3 % polo encarecemento do gas e os alimentos

A inflación subxacente, sen alimentos non elaborados nin produtos enerxéticos, baixou catro décimas, ata o 2,9 %

G24.gal 29/04/2024 08:57

O Índice de Prezos de Consumo subiu un 0,7 % en abril en relación ao mes anterior e elevou unha décima a súa taxa interanual, ata o 3,3 %, debido ao encarecemento do gas e dos alimentos, segundo os datos avanzados este luns polo Instituto Nacional de Estatística. O organismo explicou que en abril subiron os prezos do gas, fronte ao retroceso que experimentaron no mesmo mes de 2023, mentres que o prezo dos alimentos rexistrou unha maior repunta ca o dun ano antes.

Tamén influíu no ascenso do IPC interanual o menor descenso dos prezos da electricidade respecto ao experimentado en abril de 2023, engadiu Estatística. Por contra, o organismo sinala que os prezos de lecer e cultura baixaron en abril deste ano, fronte ao ascenso que rexistraron no mesmo mes do ano pasado.

Co avance do IPC interanual no cuarto mes do ano, a inflación encadea dous meses consecutivos de ascensos despois das catro décimas que subiu en marzo. A repunta de abril, que aínda ten que ser confirmada por Estatística, sitúa a inflación moi preto dos niveis con que arrincou o exercicio (3,4 %).

O Ministerio de Economía, Comercio e Empresa resaltou nunha valoración remitida aos medios de comunicación que a evolución do IPC en abril se viu afectada polo efecto base, debido ao mellor comportamento dos prezos do gas e os alimentos o ano pasado, mentres que a electricidade seguiu abaratándose.

A subxacente, por baixo da taxa xeral por primeira vez en dous anos

O INE incorpora no avance de datos do IPC unha estimación da inflación subxacente (sen alimentos non elaborados nin produtos enerxéticos), que en abril baixou catro décimas, ata o 2,9 %, taxa catro décimas inferior á do IPC xeral. Neste sentido, o Ministerio de Economía destacou que é a primeira vez en case dous anos en que a inflación subxacente se sitúa por baixo da taxa xeral de IPC.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar