O Laboratorio de Consumo de Galicia intensifica os controis dos xoguetes polo Nadal
O Laboratorio de Consumo de Galicia intensifica os controis dos xoguetes polo Nadal
Este ano conseguiron retirar do mercado 18 xoguetes de risco
A seguridade dos máis pequenos é un obxectivo constante no Laboratorio de Consumo de Galicia, e os controis intensifícanse na campaña de Nadal. Este ano retiraron 18 xoguetes do mercado.
"Nós inmediatamente comunicamos á rede de alerta nacional, e nese momento o produto retírase do mercado", explica Natalia Crespo, directora do laboratorio.
Non se trata de que os xoguetes que se comercializan sexan inseguros: "Ao contrario, son moi seguros", di; pero é que "temos inspectores moi expertos e por iso atopamos un montón de xoguetes", aclara.
Xoguetes, roupa, aparellos eléctricos ou aditivos químicos. Aquí avalían a seguridade dos produtos industriais non alimentarios, e son os que máis alertas activan do Estado. "É un instrumento moi importante -di a conselleira de Industria, María Jesús Lorenzana- para garantir os consumidores a seguridade e a fiabilidade dos produtos".
Este ano paralizaron a comercialización de máis de 90 produtos inseguros. As sancións serven tamén para ir provocando cambios no mercado. Crespo pon exemplos: "Os xoguetes para menores de 36 meses desapareceron dos bazares, despois de tantas sancións". Tamén a roupa cambiou: conta que as capuchas para menores de oito anos "xa non levan cordóns, porque hai riscos de afogamento".
Con todo, din que España está á cabeza en controis e en seguridade dos produtos industriais. En 2024 fan 30 anos rastrexando os fallos no sistema.