O liberal Daniel Noboa será o presidente máis novo de Ecuador
O liberal Daniel Noboa será o presidente máis novo de Ecuador
Cunha diferenza duns catro puntos porcentuais, González aceptou a derrota e felicitou o triunfo de Noboa
Noboa foi escollido para un breve mandato de apenas 15 meses, pois prevese que asuma o mandato en decembro para completar o período 2021-2025
Ecuador elixiu este domingo o empresario Daniel Noboa como o seu novo presidente nunha elección extraordinaria en que volveu inflixir unha nova derrota electoral en segunda volta ao correísmo, como xa ocorreu en 2021, cando o movemento do expresidente Rafael Correa (2007-2017) tamén quedou ás portas de volver ao poder.
Noboa, herdeiro dunha das familias máis ricas do país, converteuse con 35 anos no presidente electo máis novo da historia do país, ao impoñerse á candidata correísta Luisa González, que aspiraba a ser a primeira muller en gañar unhas eleccións presidenciais en Ecuador.
O fillo do magnate Álvaro Noboa conseguiu no seu primeiro intento o que ao seu pai se lle resistiu ata nas cinco ocasiones en que buscou alcanzar a Presidencia, e fíxoo de maneira sorprendente, porque ao comezo do proceso electoral non partía entre os favoritos, pero deu a sorpresa ao meterse na segunda volta.
González foi a candidata máis votada na primeira volta, co 33,61 % dos votos; nesta segunda volta, quedou en menos de 48 %. Pola súa banda, Noboa quedou segundo na primeira volta co 23,46 % dos sufraxios, pero alcanzou máis do 52 % nesta segunda volta, levantado pola dereita e por colectivos anticorreístas, entre eles grupos de esquerda, como unha parte do movemento indíxena.
Cunha diferenza duns catro puntos porcentuais, González aceptou a derrota e felicitou o triunfo de Noboa, quen deseguido saíu nun breve discurso para sinalar: "Desde mañá empeza a traballar a esperanza". O empresario e exasambleísta recibiu os resultados cunha festa privada na súa casa fronte á praia de Olón mentres os seus seguidores o celebraban nas rúas e en centros de convencións das cidades de Guayaquil e Quito.
Noboa foi escollido para un breve mandato de apenas 15 meses, pois prevese que asuma o mandato en decembro para completar o período 2021-2025, que debía culminar o presidente saínte, o conservador Guillermo Lasso.