Publicador de contidos
Publicador de contidos

O xefe de Wagner ordena frear o avance das súas tropas cara a Moscova

O xefe de Wagner ordena frear o avance das súas tropas cara a Moscova

Prigozhin acepta que as súas tropas regresen ás súas bases despois da mediación de Belarús

O Kremlin blindou a capital rusa ante a posible chegada dos mercenarios rebeldes, que se repregan para evitar "o derramemento de sangue"

Wagner comezou a retirada das súas forzas de Rostov do Don tras chegar un acordo coas autoridades rusas

Convoi militar de Wagner diríxese cara Moscova na autoestrada M4 nas proximidades de Voronezh
G24.gal 24/06/2023 19:48 Última actualización 24/06/2023 22:43

Ievgueni Prigozhin, xefe de Wagner nega a información belarusa dun acordo pero admite a volta das tropas de Wagner debido á ameaza dun derramamento de sangue polo avance dos mercenarios cara a Moscova nas últimas horas.

O líder dos mercenarios de Wagner informou a través da súa canle de Telegram que "non aceptou ningunha proposta de Lukashenko. As negociacións existiron pero non foron satisfactorias". A súa mensaxe principal foi a seguinte:

"Ían desmantelar a PMC Wagner. Saímos o 23 de xuño na Marcha da Xustiza. Nun día, chegamos a estar a 200 quilómetros de Moscova. Neste tempo, non derramamos nin unha soa pinga de sangue dos nosos soldados. Agora, chegou o momento en que o sangue pode derramarse. É por iso que, ao entender a responsabilidade de derramar sangue ruso nun dos lados, fixemos retroceder os nosos convois e estamos volvendo aos campamentos seguindo co noso plan".

Lukashenko, anunciou que chegara a un acordo co presidente ruso Vladímir Putin para “evitar derramamento de sangue” e dar garantías da súa seguridade e ás súas forzas.

Wagner comezou a retirada das súas forzas de Rostov do Don  e o Kremlin informa que o xefe do grupo ruso de mercenarios Yevgueni Prigozhin, marchará a Belarús.

Prigozhin rebelouse contra o réxime ruso de Vladímir Putin, tras meses enfrontado coa súa cúpula militar. A última hora do venres, cruzou a fronteira de Ucraína cara ao interior de Rusia e, sen resistencia, fíxose coa cidade de Rostov do Don, onde tomou o control das instalacións militares.

A columna de mercenarios entrou na rexión de Lipetsk, a uns 400 quilómetros ao sur de Moscova, segundo as autoridades locais, que afirmaron estar a destruír seccións de estrada para impedir o paso de vehículos.

Pasadas as 17:00 (hora galega), o alcalde de Moscova, Serguéi Sobyánin, pediu á cidadanía que reduza “todo o posible” os seus desprazamentos e declarou o luns como día non laborable.

Con anterioridade, o presidente ruso, Vladímir Putin, nunha mensaxe televisada acusou de “traizón” os mercenarios, afirmou que serán castigados e anunciou que deu as ordes necesarias ao exército para restablecer a orde.  Dixo que habería respostas "brutais" ante a rebelión.

En resposta, Prigozhin publicou un audio no que afirma que non se renderá e falou de “guerra civil”. En Kíiv, o presidente ucraíno, Volodímir Zelenski, pediu aos rusos que depoñan a Putin. “Canto máis poida esconderse, máis perderedes”.

Estímase que uns 5.000 homes de Wagner estaban a aproximarse a Moscova este sábado.

Mentres, os Estados Unidos, Francia, Alemaña e o Reino Unido discutiron por teléfono a situación en Rusia. Os veciños de Rusia pecharon as fronteiras ante unha potencial escalada do conflito.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade