O Lille afoga o Celta (3-1)
O Lille afoga o Celta (3-1)
Partido decidido na primeira metade cun 3-1
Partido moi duro para o Celta que se enfrontaba a un equipo que vai xogar previa de Champions. Os dous equipos saían con onces máis titulares que no resto de amigables da pretemporada, e iso notouse máis nun equipo que no outro.
O Lille saíu cunha marcha máis ao partido, manténdose arriba e facendo unha presión que non permitía ao Celta saír do seu propio campo, e os goles non tardaron en chegar. Tras unha falta lateral chegou o primeiro cun remate dende a frontal da área despois dun rexeitamento, o segundo tras un mal rexeite da defensa do Celta, que lle chega dentro da área a un xogador do Lille, dispara e pega en Unai para despistar a Iván. O Celta comezaba a ter o control do partido, pero tras un erro de Unai nun control o dianteiro do Lille plantábase nun man a man e colocaba o 3-0 no marcador. Cando peor estaba o Celta Bamba filtrou un bo pase a Douvikas que anotaba tras canear o porteiro.
Na segunda metade o ritmo baixou moito, introduciron cambios os dous equipos e iso notouse moito no xogo. Imprecisións, descoordinacións, e en definitiva pouco xogo colectivo. Como nota positiva o debut de Borja Iglesias co Celta este ano e o crecemento de Swedberg que sigue amosando detalles dun nivel moi alto.