O Lugo cae na súa visita a Tarazona e non levanta cabeza (1-0)
Os locais levan o triunfo ao marcar no rexeitamento dun penalti que previamente atallara Tabuaço
É a cuarta derrota consecutiva dos lucenses
A mala serie do Lugo parece que non ten fin e, pese ao troco de adestrador das últimas semanas, volveu tropezar nun partido ligueiro, esta vez pola mínima e visitando ao Tarazona.
A primeira metade comezou con moito ritmo, e antes de que se cumprisen os primeiros dez minutos de partido, o colexiado sinalou penalti a favor dos locais. O gardarredes parou o disparo, aínda que San Emeterio non perdoou no rexeite e o partido torceuse axiña para o conxunto lucense. Nos minutos seguintes, os visitantes intentaron empatar o encontro, pero topáronse coas grandes intervencións do gardameta local.
No comezo da segunda metade, o Lugo gozo da primeira oportunidade clara, cun pase ao espazo ao que non foi quen de chegar Víctor Narro, cando quedaba só ante o cancerbeiro. Con todo, nos minutos seguintes o conxunto galego mostrou ser incapaz de reaccionar ante o resultado adverso. Os minutos pasaban e os lucenses non se achegaban á meta do Tarazona. O tempo corría e os locais aguantaban con moita tranquilidade unha vitoria que pareceu que en ningún momento temeron perder. Aguantaron o resultado e o Lugo segue afundíndose na táboa.
Os da muralla quedan moi tocados, na novena posición e coa posibilidade de ser adiantados por varios equipos antes de que remate a xornada.