O Lugo pon fin á súa década prodixiosa na Segunda División
O Lugo pon fin á súa década prodixiosa na Segunda División
O Lugo ascendeu en xuño de 2012 e era o equipo da categoría de prata con máis participacións consecutivas na categoría
O mellor posto foi o noveno, logrado por Luís César na temporada 2016-17
Cantaban por Lugo os afeccionados do Málaga. Tino Saqués sabía que era unha derrota distinta, a fin daquela etapa que principiou en xuño de 2012. Once temporadas seguidas na Segunda División. As tres primeiras con Quique Setien. E a permanencia amarrada sen grandes apuros.
Tino Saqués chegou no 2015. Os seus tres primeiros cursos foron bos. Inesquecible o noveno posto da campaña 2016-17, con Luis César de adestrador e con Joselu como máximo goleador da categoría.
O punto de inflexión foi o 2018. O club leva cinco temporadas vivindo ao límite con 12 adestradores distintos. E con salvacións milagreiras: Juanfran no ano 2020 da pandemia, logrando 14 dos últimos 18 puntos posibles. Ou Rubén Albés un par de temporadas despois coa xeira de 10 puntos dos últimos 12 de Liga.
Entre berros contra a directiva, logo de oito anos presidenciais de Tino Saqués, chegamos a esta temporada: catro adestradores e xa van dezaseis xornadas sen gañar. Catro meses sen celebrar vitorias coma a do Málaga que afunde o Lugo. Foi o punto e final aos mellores anos da historia do club.