O Lugo recibe o Zaragoza con Gui Guedes como mellor fichaxe invernal
O Lugo recibe o Zaragoza con Gui Guedes como mellor fichaxe invernal
O portugués está convencido da salvación do equipo
Das seis fichaxes realizadas polo Lugo no mercado invernal, Gui Guedes é o que entrou con máis forza no vestiario. De feito, e o único de todos eles que disputou completos os dous últimos encontros: "Levo dous partidos bastante bos na miña opinión, o vestiario portouse moi ben comigo, encontrei un grande equipo. Síntome ben, as persoas aquí son boas, por iso estou contento de estar aquí no Lugo".
O centrocampista portugués, internacional en categorías inferiores, chegou cedido polo Almería que pagou tres millóns de euros o Vitoria de Guimaraes. As súas boas actuacións, con todo, non se viron reflectidas no resultado: "Estamos traballando ben. O que podo garantir é que neste partido que imos ter contra o Zaragoza imos ser un equipo moi forte, moi unido e imos conseguir os tres puntos".
Con ese obxectivo, os lucenses prepararon o encontro ante os aragoneses, centrados, como di Guedes, en corrixir os erros que os están a castigar: "Traballamos ben os puntos fortes do Zaragoza, sabemos o que eles teñen de bo e o que teñen de malo, pero tamén o noso aspecto ofensivo que temos que mellorar, porque se creamos oportunidades e non facemos gol é complicado".
Malia todo, o luso está convencido da salvación: "Temos que deixar o que xa pasou para atrás e crer que neste tres xogos que temos ir con todo a gañar, comezando polo Zaragoza que, para nós, é un partido superimportante".