Publicador de contidos
Publicador de contidos

O macroincendio do Courel leva arrasadas 10.000 hectáreas e outras 1.100 o de Seceda

O macroincendio do Courel leva arrasadas 10.000 hectáreas e outras 1.100 o de Seceda

Os medios de extinción conseguen manter a salvo A Devesa da Rogueira, un espazo natural único en Europa

G24.gal 21/07/2022 14:55 Última actualización 21/07/2022 15:22

Unha semana ardendo e o macroincendio do Courel segue en situación de risco 2 pola proximidade a Parada dos Montes e Carballal, en Folgoso, e á parroquia do Busto na Pobra do Brollón. 

"Levamos coa anguria xa unha semana, e os incendios non están controlados", di un veciño.

Temen que se reavive o vento, e que o lume "volva saltar". "Non se pode dicir nada" di un veciño de Seoane, porque asegura que "nunca vira un incendio así" nesta zona.

O avance do lume polo norte ameaza A Devesa da Rogueira. Os esforzos concéntranse en crear un perímetro de seguridade para protexer un espazo natural único. De momento está a salvo das lapas. 

Polo sur, a loita céntrase en conter o lume para que non salte o río Lor. Por precaución, onte desaloxaron 54 veciños en Xestoso, Bustelo, Lamas e Vilar de Lor, no concello de Quiroga. Pero outros preferiron quedar. 

"Os que podemos facer algo e conocemos o sitio, sabemos onde hai unha toma de auga ou unha mangueira, penso que non nos debían sacar", di un veciño de Vilar de Lor. 

O macroincendio da Pobra e Folgoso leva arrasadas 10.000 hectáreas no Courel. Ao impacto ambiental e social únese o económico.

"Dou por finalizada a tempada", di o propietario do cámping O Courel, Xabier Trepat.

"Os turistas non queren vir a un sitio todo queimado", engade. A propietaria dunha casa de turismo rural en Vilar de Lor tamén rexistrou xa as primeiras cancelacións. "A xente viña gozar da paisaxe -explica- e agora isto parece unha paisaxe lunar". 

No Courel segue tamén activo o incendio de Seceda, que se mantén nas 1.100 hectáreas queimadas e en risco 2 pola proximidade do lume ao núcleo de Gamiz.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade