Publicador de contidos
Publicador de contidos

Xoán Carlos I non sae a navegar no Bribón polo exceso de vento

Xoán Carlos I non sae a navegar no Bribón polo exceso de vento

As condicións meteorolóxicas non aconsellaban a navegación para unha persoa con mobilidade reducida

O rei emérito á saída do náutico de Sanxenxo con Pedro Campos. EFE/Lavandeira jr
G24.gal 22/04/2023 15:10 Última actualización 22/04/2023 21:39

O Bribón saíu finalmente a navegar este sábado sen a presenza do rei emérito. Ata 23 nós de vento chegou a haber no campo de regatas. O domingo se esa intensidade decrece, poderiamos ver a Xoán Carlos I á cana do veleiro.

Roldaban as once cando, conducindo Pedro Campos e de copiloto Xoán Carlos I, deixaban Nanín rumbo ao Real Club Náutico de Sanxenxo. De novo, este é o cuarto día de estancia do rei emérito en España, non fixeron máis ademán cara á prensa que un saúdo.

Cando chegaban ao club, o campo de regatas, unha saída en sotavento para circular cara a barlovento, xa estaba montado e o vento xa subira de oito a quince nós.

Xoán Carlos I permaneceu no coche agardando baixar ao Bribón. Mentres, no espigón unhas cincuenta persoas agardaban velo en directo.      

O vento do suroeste chegou aos vinte nós e os do Bribón compuxeron un equipo sen presenza real. Xoán Carlos I e Campos abandonaban o club e volvían á casa do anfitrión en Nanín. De novo, sen facer declaracións.

Palabras de Rajoy

O único que non evadiu preguntas sobre o rei emérito foi Mariano Rajoy, que participou nun acto de precampaña do alcalde popular de Sanxenxo, na senda fluvial de Dorrón, a menos de dez minutos de onde se disputaban as regatas.

"Eu penso que o rei veña aquí é un sinal de normalidade, creo que é bo para Sanxenxo e non hai ningunha razón para que cada vez que veña alguén sempre se empeñe en montar o espectáculo", conta á Televisión de Galicia Mariano Rajoy, expresidente do Goberno. 

O domingo dispútase a segunda xornada desta regata valedoira para a Copa de España. Nesta do sábado gañou, nunha única manga o Bribón seguido do Titia e do Erica. A segunda quenda non se disputou por exceso de vento. Chegaron aos 23 nós.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade