O Materno Infantil da Coruña usa por primeira vez en Galicia o robot cirúrxico en pediatría
O Materno Infantil da Coruña usa por primeira vez en Galicia o robot cirúrxico en pediatría
Esta técnica de cirurxía minimamente invasiva supera as prestacións da laparoscopia
O primeiro paciente foi un neno de dez anos que tiña unha anomalía nas vías biliares
Os cirurxiáns pediátricos apoiáronse na experiencia doutros profesionais do CHUAC que xa levan dous anos usando a diario o robot Da Vinci para operacións de adultos
Os especialistas en cirurxía pediátrica do Materno Infantil da Coruña consideraron que a mellor maneira de corrixir unhas anomalías nos condutos biliares dun paciente de dez anos sería cunha operación robotizada.
Ampliaron así a área de aplicación dunha técnica que desde hai dous anos xa é habitual nos hospitais galegos para pacientes adultos, pero que aínda non se aplicara en nenos, porque hai menos patoloxía infantil e tamén porque o robot ten moitas máis limitacións de uso nos pequenos "porque os seus tecidos están aínda en crecemento e son máis fráxiles", di Miriam García, especialista en cirurxía pediátrica do CHUAC.
Pero remarca que, nos casos en que se pode usar, o robot mellora moito as prestacións con respecto á outra alternativa de cirurxía minimamente invasiva: a laparoscopia.
"A cirurxía robótica é un movemento similar ao da man humana e iso facilita moito a manipulación dos tecidos, sobre todo as suturas. O único que lle falta ao robot é o tacto".
O 80 % dos profesionais de cirurxía do Complexo Hospitalario da Coruña xa recibiu formación nesta técnica para seguir ampliando as áreas de uso. Actualmente no CHUAC xa se usa de xeito continuado para intervencións de cirurxía xeral, uroloxía, xinecoloxía e otorrinolaringoloxía.