O mercado de segunda man en liña creado pola veciñanza dun barrio da Coruña esperta o interese dunha plataforma de Internet
O mercado de segunda man en liña creado pola veciñanza dun barrio da Coruña esperta o interese dunha plataforma de Internet
O mercado de segunda man en liña creado pola veciñanza dun barrio da Coruña esperta o interese dunha plataforma de Internet
O grupo denominado Mercado Mesoiro vai camiño de acadar as 1.375 persoas usuarias
O barrio de Novo Mesoiro, na Coruña, conta cunha poboación dunhas 9.000 persoas. Boa parte son familias novas. É unha veciñanza moi activa nas redes. A través dun grupo de Telegram poden poñer á venda aquilo que xa non lles serve para que outra persoa o aproveite. Hai de todo.
"Xoguetes, roupa infantil, cadeiras de bebé. É o que máis se pon á venda, pero tamén mobles, algunha televisión ou xogos", sinala Patricia Fernández, da Asociación de veciños de Novo Mesoiro. Engade que "é un grupo moi dinámico. Hai unha publicación cada hora polo menos".
O grupo denominado Mercado Mesoiro vai camiño de acadar as 1.375 persoas usuarias e no barrio é moi popular. Agora unha das grandes compañías de compravenda de segunda man que opera a través de Internet púxose en contacto coa a asociación de veciños para coñecer máis polo miúdo como funciona. Dinnos que non poden desvelar o nome, pero que despertou o interese desta plataforma?
Para Patricia Fernández, algunha das razóns son que se trata "dun mercado de proximidade onde non hai gastos de envío e tamén a confianza de quen compra porque quen lle vende o artigo é un veciño ao que despois vai seguir vendo na rúa a diario".
E este non é o único grupo en liña que funciona no barrio. Teñen máis. Un para avisos, outro para actividades deportivas. O que máis usuarios ten é un para charlar. Todo para facer vida de barrio tamén a través das redes.