O ministro de Industria di que esixirá a Alcoa que cumpra cos seus compromisos
O ministro de Industria di que esixirá a Alcoa que cumpra cos seus compromisos
Jordi Hereu reivindicou nas Pontes o "momento histórico" no que está inmersa a industria española
O ministro de Industria asegurou hoxe en Galicia que esixirá a Alcoa San Cibrao que cumpra co compromiso de poñer a producir de novo a planta.
"O tema é cumprir os compromisos asinados en 2021. Por tanto, nós estamos para controlar e facer o seguimento do desenvolvemento de centros produtivos que teñen presente e futuro", afirmou o ministro de Industria nas Pontes, onde se reuniu con empresarios galegos.
Hereu dixo que os fondos europeos serán claves para a transición enerxética en Galicia e reivindicou o "momento histórico" no que está inmersa España "para poder transformar" o tecido industrial e resaltou que o investimento nese ámbito "multiplicouse por máis de dez" en Galicia.
"Fai cinco anos tiña un orzamento moi baixo, aquí en Galicia era de 30 millóns", dixo nun encontro cun centenar de empresarios no que subliñou que o desembolso en política industrial na comunidade galega foi "neste últimos cinco anos de 1.700 millóns" de euros.
Na súa opinión, As Pontes, tras o recente peche da central térmica de Endesa, "é un magnífico exemplo de transición enerxética, que xunto á dixital son as dúas grandes transicións nas que está a traballar o Goberno".
"Galicia é un escenario privilexiado para impulsar a reindustrialización en España", apuntou Hereu, que indicou que o Executivo está "a inxectar importantes cantidades de fondos para axudar á transformación da industria" en sectores como o manufactureiro ou o das novas enerxías, como o hidróxeno verde.
O ministro avanzou que o Goberno fará un "seguimento destas transformacións" tras valorar que os diferentes PERTE activados polo seu departamento destinaron a Galicia 108 millóns de euros, cun impacto en 212 empresas grazas a 89 proxectos.
O titular de Industria tamén emprazou ao empresariado a unha transformación da industria galega da man da Administración central e comprometeu que se traballará "para que a industria sexa un sector de pactos".