Wall Street celebra a tregua arancelaria cunha subida dun 12 % e as bolsas europeas caen arredor dun 3 %
Wall Street celebra a tregua arancelaria cunha subida dun 12 % e as bolsas europeas caen arredor dun 3 %
As bolsas europeas caen arredor dun 3 % tras entrar en vigor o aumento dun 20 % nos aranceis á UE
Wall Street abre en verde despois de que a China anunciase aranceis de represalia aos EUA: O Dow Jones empeza gañando ao redor de 100 puntos, o que representa un avance do 0,29 %

A bolsa española caeu este mércores un 2,22 % e pechou por debaixo dos 11.800 puntos, arrastrada pola escalada da guerra comercial entre China e os Estados Unidos.
O principal índice, o IBEX 35, perdeu 268 puntos e finalizou a sesión en 11.797,6 puntos.
A pesar da leve recuperación rexistrada na sesión anterior (+2,37 %), o mercado encadea cinco sesións consecutivas en negativo, cun retroceso global do 11,44 %.
Desde o pasado mércores, cando o presidente estadounidense, Donald Trump, anunciou os novos aranceis, a bolsa perdeu 97.716 millóns de euros en capitalización.
A presión vén da resposta de China, que anunciou a suba dos aranceis ás importacións estadounidenses ata o 84 %, o que acentuou a inestabilidade nos mercados.
A bolsa de París perde un 3,34 %
O índice xeral da Bolsa de París caeu este mércores un 3,34 %, arrastrado pola tendencia baixista global, e pechou en 6.863,02 puntos, por debaixo do limiar simbólico dos 7.000 puntos, que perdeu xa ao comezo da sesión.
A caída agravouse coa apertura do mercado estadounidense. O mínimo da xornada produciuse a media tarde, cando o CAC-40 chegou a marcar 6.792,57 puntos.
Desde o martes, cando pechara en 7.100,42 puntos, o selectivo francés perdeu máis de 230 puntos. En tan só unha semana, o índice depreciouse un 12,87 %, mentres que no último mes a caída acumulada acada o 15,49 %. No conxunto do ano, o retroceso é do 7,01 %.
A xornada rexistrou unha elevada actividade, con máis de 6.100 millóns de euros en transaccións.
Todas as empresas do CAC-40 pecharon en negativo.
Francfort perde un 3%
A Bolsa de Fráncfort pechou este mércores cunha caída do 3 %.
O índice principal, o DAX 40, rematou a sesión en 19.670,88 puntos, tras chegar a perder preto dun 5 % durante a negociación.
O índice tecnolóxico TecDAX tamén recuou un 3,2 %, ata os 3.187,79 puntos.
Londres cae un 2,92%
A Bolsa de Londres pechou este mércores cunha caída do 2,92 %,.
O índice principal, o FTSE-100, retrocedeu 231,05 puntos e rematou a sesión en 7.679,48 puntos.
O índice secundario, o FTSE-250, perdeu un 2,50 %, ata os 17.890,64 puntos.
Milan baixa un 2,75%
A Bolsa de Milán pechou este mércores cunha caída do 2,75 % no seu índice selectivo FTSE MIB, que rematou a sesión en 32.730,57 puntos.
O índice xeral FTSE Italia All-Share tamén se devaluou un 2,75 %, ata os 34.769,23 puntos.
Durante a xornada intercambiáronse 850 millóns de accións por un valor de 4.733 millóns de euros.
A sesión prolongou os números vermellos do mercado italiano, que non conseguiu consolidar o intento de recuperación da véspera.
Só unha compañía do selectivo milanés pechou en verde: Iveco, cun discreto ascenso do 0,04 %.
O resto de valores caeron, con especial incidencia nos sectores enerxético, industrial e farmacéutico.
Wall Street pecha cunha suba do 12 % do Nasdaq
O índice tecnolóxico Nasdaq disparouse un 12 % este mércores nun peche eufórico de Wall Street tras a pausa anunciada polo presidente Donald Trump nos aranceis máis elevados para a maioría de países excepto China.
Minutos antes do toque de campá, os avances aceleráronse: o Nasdaq disparábase máis do 12 %, o S&P 500 un 9,5 % e o Dow Jones case un 8 %, na maior subida bolsista vista nunha soa xornada nos últimos cinco anos.