Publicador de contidos
Publicador de contidos

O módulo espacial xaponés SLIM logra aterrar na superficie da Lúa

O módulo espacial xaponés SLIM logra aterrar na superficie da Lúa

O Xapón busca converterse no quinto país do mundo en lograr aluar unha nave no satélite natural da Terra

Xa realizaran varios intentos de aluaxe errados antes do de hoxe, considerado un "mínimo éxito" polos problemas coas células solares que están tendo

G24.gal 19/01/2024 17:29 Última actualización 19/01/2024 19:24

O módulo espacial xaponés SLIM alcanzou este venres a superficie lunar. Transcorridos uns 40 minutos despois da súa aluaxe, a axencia aeroespacial xaponesa seguía comprobando o estado da nave para determinar o éxito ou o fracaso da operación.

O SLIM, Smart Lander for Investigating Moon ou módulo de aterraxe intelixente para investigar a Lúa, tocou a superficie lunar ás 00:20 hora local xaponesa deste sábado (15:20 GMT do venres), segundo confirmou a axencia aeroespacial xaponesa (JAXA) poucos minutos despois dunha retransmisión en directo.

Con esta misión, O Xapón busca converterse no quinto país do mundo, tras Estados Unidos, Rusia, A China e A India, en lograr aluar unha nave no satélite natural da Terra e conseguir, ademais, acometer a aterraxe destas características máis precisa ata a data.

"A nave espacial parece estar en comunicación estable coa Terra", anunciou un representante de JAXA dende o Instituto de Ciencias Espaciais e Astronáuticas do organismo da cidade de Sagamihara, cinco minutos despois da aterraxe. Houbo que agardar case unha hora máis para confirmarse o seu estado.

A operación de descenso desenvolveuse sen incidentes. Ao redor da medianoite no Xapón e cando se atopaba a uns 15 quilómetros da superficie lunar, o SLIM comezou a baixar e escanear o terreo cos seus detectores de obstáculos autónomos, máis avanzados que os das naves convencionais. O obxectivo era tentar a aterraxe "pinpoint" ou de precisión.

Para identificar con minuciosidade onde se atopaba, o SLIM levaba instaladas unha cámaras de navegación que identifican os cráteres da Lúa mediante comparativas entre as imaxes tomadas polo propio aparello e os mapas lunares que porta, realizados a partir das misións lunares globais anteriores.

Tras alcanzar unha altitude duns 5 quilómetros, comezou a fase de descenso vertical, unha das máis complexas e arriscadas da misión. A gravidade da Lúa é superior á dos asteriorides en que o país lograra aterrar ata o de agora, o que impide un descenso lento e complica o seu posicionamento.

Os sistemas de telemetría do aparello confirmaron a súa aterraxe na superficie lunar transcorridos vinte minutos, de acordo aos cálculos da misión. A JAXA engadiu que o aparello está experimentando problemas coas súas células solares, que non están xerando electricidade.

"O SLIM estivo comunicándose correctamente e está respondendo con normalidade. Porén, parece que as súas células solares non están xerando electricidade", engadiu o director xeral da JAXA, Hitoshi Kuninaka, nunha rolda de prensa dúas horas despois da aluaxe.

No seu estado actual, a batería do aparello pode durar varias horas, engadiu Kuninaka, que comentou que é posible que se os paneis logran absorber enerxía solar poderíanse recargar novamente, polo que están pendentes da información que chega do SLIM.

A primeira aluaxe do Xapón na Lúa

Kuninaka detallou que os vehículos LEV-1 e LEV-2 adheridos ao módulo separáronse adecuadamente da matriz durante o descenso. As imaxes que capturaron da superficie lunar son restransmitidas, o que, xunto ao éxito en si da aluaxe de SLIM a pesar dos problemas de enerxía, considerou un "mínimo éxito".

 

"O Xapón estableceu un importante fito, así que creo que isto foi un gran paso cara adiante", engadiu. A axencia aeroespacial xaponesa estima que tardará aproximadamente un mes en confirmar se este obxectivo se puido cumprir. "Seguiremos enviando máis naves espaciais", afirmou Kuninaka.

"A aluaxe en si foi un éxito, así que creo que debemos seguir traballando no desenvolvemento desta tecnoloxía", manifestou o presidente de JAXA, Hiroshi Yamakawa.

O resultado desta misión ten un sabor agridoce para O Xapón, que xa realizara varios intentos de aluaxe errados antes do de hoxe. Busca, deste xeito, ampliar a súa presenza e competitividade no panorama aeroespacial global.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade