Publicador de contidos

Publicador de contidos

O mosteiro franciscano de Trandeiras está a un chanzo de ser declarado Ben de Interese Cultural

O mosteiro franciscano de Trandeiras está a un chanzo de ser declarado Ben de Interese Cultural

Construído no século XVI é un dos máis tardíos dos grandes mosteiros galegos, feito nun estilo arquitectónico, o manuelino, do que hai moi poucos exemplos no rural 

Situado sobre a antiga lagoa de Antela, ao pé da ruta da Prata, é singular tamén porque a orde franciscana, que o habitou ata o século XIX, non adoitaba asentarse fóra dos núcleos urbanos

O expediente para a declaración como BIC iniciouse en febreiro e podería estar rematado antes de fin de ano

G24.gal 15/03/2025 10:10

O mosteiro Bon Xesús da Limia está a só un chanzo de ser declarado Ben de Interés Cultural pola Xunta. O 19 febreiro iniciouse o expediente para a declaración como BIC, que se atopa agora en período de alegacións e agárdase sexa definitva antes de fin de ano. A declaración fora solicitada hai tres anos pola asociación Amigos do Mosteiro, que reclamou da Adminsitración máis protección para este xoia arquitectónica de Xinzo.

O convento comezou a construírse en 1520, o que o converte nun dos máis tardíos dos monumentais mosteiros galegos. De aí que sexa tan especial e inusual en Galicia o seu estilo arquitectónico, a cabalo entre o gótico e o renacemento.

"É un mosteiro singular porque se trata dun estilo artístico moi pouco representando en Galicia, hai poucos exemplos sobre todo no rural galego. Sitúase na época en que esmorecía o gótico e estaba introducíndose o renacemento. É como unha copia do estilo manuelino portugués -o isabelino español-, trasladada a Galicia polo canteiro a quen se lle encargou a obra, Bartolomeu Nosendo, que tiña relación con Portugal", sinala Manuel Seoane, historiador que participou na elaboración do informe técnico para a declaración como BIC.

Mandouno construír Alonso de Piña, un cóengo con moito poder da catedral de Ourense quen llo cedeu á orde franciscana, que o habitou ata mediados do século XIX. É singular tamén porque a maioría dos conventos franciscanos están insertos en zonas urbanas e este construíuse nunha zona afastada do rural.

Os arcos conopiais da fachada e do claustro son os elementos máis atractivos. A decoración vexetal, con flores de loto, fan referencia á antiga lagoa de Antela sobre a que tiña unha vista privilexiada. "Era unha vista espectacular sobre a auga. A flor é unha especie acuática, que polo día abre e pola noite pecha, nunha clara referencia á vida", sinala Seoane.

O inmoble sufriu dous grandes incendios, un no século XVII (1668) e outro coa invasión das tropas francesas, en 1813. Tras a desamortización pasou a mans privadas e dende hai trinta anos é propiedade do concello de Xinzo.

"A nosa prioridade é poñer en valor o mosteiro e sobre todo conservalo", apunta Carlos Gómez, concelleiro de Cultura de Xinzo de Limia.

A igrexa mantén o culto para os fregueses da parroquia de Trandeiras. Segue viva a lenda sobre o Bon Xesús, nomeado así pola numerosa veciñanza portuguesa que habitaba na zona nos tempos da construción do templo.

"O Bon Xesús disque apareceu nun monte de aí arriba. Os de Piñeira querían levalo para a súa parroquia, pero o chapeu que cubría a cabeciña do neno caía para atrás cando o neno o movían cara alá. E volvía poñerse no seu sitio cando viña para aquí. Iso foi como un sinal de que o Bon Xesús debía quedar en Trandeiras", conta Rosa Rodríguez, veciña do lugar que se encarga de abrir a igrexa cando hai misa, enterro ou visitas programadas.

A declaración como BIC aumenta a protección do mosteiro e reforza máis se cabe os motivos para unha merecida visita.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade