Engala a misión tripulada para achandar o regreso de dous astronautas da EEI
Suni Williams e Butch Wilmore foron por unha semana á Estación Europea Internacional e levan nove meses
A nave na que chegaron presentou fallos e, por precaución, regresou á Terra sen tripulación

Catro astronautas engalaron a bordo dunha cápsula de SpaceX rumbo á Estación Espacial Internacional (EEI) para remudar catro compañeiros, entre eles Suni Williams e Butch Wilmore, que foron por unha semana e levan nove meses tras detectaren fallos na nave na que chegaron.
A décima tripulación comercial da NASA e a compañía de Elon Musk partiu desde o Centro Espacial Kennedy, no centro da Florida, propulsada por un foguete Falcon 9 e tras dous días de atraso debido, en parte, a un problema hidráulico na torre de lanzamento.
Finalmente, este venres, cunhas condicións climáticas "perfectas", lanzouse ao espazo a misión da Crew-10, integrada pola comandante Anne McClain e a piloto Nichole Ayers, ambas as dúas da NASA; o xaponés Takuya Onishi, da axencia JAXA, e o cosmonauta ruso Kirill Peskov, de Roscosmos.
A idea é que os catro tripulantes, que celebraron con aplausos a partida, alcancen o laboratorio orbital na noite do sábado a bordo dunha Dragon, a Endurance.
Coa súa chegada pode comezar a planificación do ansiado retorno de William e Wilmore e dos membros da Crew-9, Nick Hague e o cosmonauta Aleksandr Gorbunov, que están na estación desde hai seis meses, tras a súa chegada noutra Dragon, a Freedom, o 29 de setembro.
Os catro prevén regresar á Terra nesa mesma cápsula de SpaceX, cunha amaraxe programada fronte á costa estadounidense, presumiblemente non antes do vindeiro mércores.
Fallos na nave de Boeing
William e Wilmore chegaran en xuño na Starliner de Boeing que presentou fallos, e por precaución non regresaron a semana seguinte como estaba programado nesa nave, que retornou sen tripulación.
Entre tanto, Hague e Gorbunov chegaron á EEI na cápsula de SpaceX en setembro do ano pasado con dúas cadeiras baleiras prevendo o regreso dos dous compañeiros da Starliner. Na nave de Boeing detectaran erros en cinco dos 28 propulsores do sistema de control de reacción e fugas de helio.
Ademais de Hague e Gorbunov, a Crew-9 incluía inicialmente o comandante Zena Cardman e a especialista de misión Stephanie Wilson, pero debido á necesidade de regresar á Terra dos dous tripulantes do Starliner, estes dous últimos non puideron viaxar.
Unha vez que a Crew-10 chegue á Estación Internacional, Williams, Wilmore, Hague e Gorbunov axudarán aos que acaban de chegar a familiarizarse coas operacións científicas e de mantemento na estación.
Tras esta transferencia e se as condicións climáticas o permiten, os catro regresarán á Terra na nave Dragon.