Publicador de contidos
Publicador de contidos

O mozo de Ayuso demanda a ministra Montero ante o Supremo e pídelle 40.000 euros

G24.gal 14/11/2024 11:21

A parella da presidenta madrileña, Isabel Díaz Ayuso, demandou ante o Tribunal Supremo a vicepresidenta primeira e ministra de Facenda por intromisión ilexítima no seu dereito á honra e reclámalle a María Jesús Montero que lle aboe 40.000 euros.

Alberto González Amador presentou unha demanda contra a vicepresidenta do Goberno por asegurar na sesión de control do Senado do pasado 12 de marzo que a presidenta madrileña podería "estar a vivir nun piso que se pagou con fraude".

Como Montero non se presentou o pasado 2 de outubro ao acto de conciliación convocado no Xulgado de Primeira Instancia número 49 de Madrid, o acto quedou sen efecto; e agora González Amador lévaa ante o Alto Tribunal debido á condición de aforada da vicepresidenta.

María Jesús Montero fixo as declaracións obxecto da demanda baseándose en informacións xornalísticas relacionadas coa denuncia da Fiscalía de Madrid contra a parella de Ayuso por unha presunta fraude fiscal superior a 350.000 euros. Nelas asegurábase que a presidenta autonómica residía nun piso dun millón de euros que se pagou despois de que Facenda estivese a investigar a súa parella.

A defensa de González Amador anunciou entón varias demandas contra Montero por intromisión á honra e por revelación de segredos tras coñecerse algúns dos seus datos fiscais, ademais doutra querela contra a Fiscalía pola nota difundida na que se informaba do pacto alcanzado con Facenda no que recoñecía a autoría da comisión de dous delitos contra a Facenda Pública polo Imposto sobre Sociedades.

Agora será o Tribunal Supremo quen teña a última palabra.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade