O Nadal chega cargado de agasallos e un fato de ledicia
O Nadal chega cargado de agasallos e un fato de ledicia
Papá Noel e o Apalpador visitan moitos fogares na Noiteboa
Con berros e moita precipitación erguíanse este sábado os máis pequenos da casa na procura do comezo do Nadal. Os seus cuartos aparecían inzados de agasallos cos que poder desfrutar durante todo as festas.
O primeiro paso foi comprobar que os presentes corresponderan co solicitado.... ou mesmo que non corresponderan, que todo vale.
A segunda cuestión consiste en comprobar se o mensaxeiro, sexa Papa Noel ou o Apalpador, se atopaba ben despois de tanto esforzo de carretar paquetes por todo o mundo. Para a pequena Maia debían estar ben porque non había leite e tampouco as cenorias que deixaran para os renos de Papa Noel.
Lúa, de cinco anos, recoñecía ter visto a Papa Noel: "Ten a barba branca, o traxe encarnado, as luvas negras e a cara ben. O sombreiro encarnado e branco", axudaba a describir o seu curmá Jaime.
E unha vez aprobada a adecuación dos xoguetes e o traballo dos mensaxeiros, cómpre facer balance do día. "Trouxéronme a nintendo Switch e o Animal Crossing, que era o que quería", admite Noa, que xa ten nove anos.
E se Papa Noel ou o Apalpador non foi moi pródigo desta vez, tranquilidade. Os verdadeiros protagonistas das festas están a piques de chegar: os Reis Magos, os encargados de converter unha vez máis o Nadal nunha data inesquecible.