O Noia Portus Apostoli destitúe a Tomás de Dios logo de meterse en descenso
O Noia Portus Apostoli destitúe a Tomás de Dios logo de meterse en descenso
O club agarda confirmar o novo técnico nas vindeiras horas
Logo dunha estrea exitosa na Liga Nacional de Fútbol Sala, esta segunda campaña do Noia Portus Apostoli non estaba a responder ás expectativas. A derrota da última xornada meteu o equipo en postos de descenso e iso fixo que a preocupación da directiva precipitase a destitución de Tomás de Dios.
O salmantino foi o elixido para capitanear o proxecto, un adestrador de experiencia contrastada. Pero os resultados non chegaron e os números están lonxe de ser os desexados. Catro vitorias, dous empates e dez derrotas deixan o equipo no penúltimo posto na primeira xornada da segunda volta. Preto das prazas de salvación pero nunha dinámica preocupante.
Nas vindeiras horas coñecerase o novo técnico do cadro do Barbanza. Agardan desde a dirección deportiva reconducir con este troco o camiño e poder certificar a permanencia na máxima categoría do fútbol sala español.