O novo mapa de autobuses do ministerio deixa fóra 23 concellos galegos
O novo mapa de autobuses do ministerio deixa fóra 23 concellos galegos
Suman 136.000 habitantes, cun fluxo de 9.000 viaxeiros
Atribúeo a cuestións de eficiencia do gasto público e adecuación do servizo ás novas necesidades do transporte
O novo mapa de rutas regulares de autobuses entre comunidades autónomas en que traballa o Ministerio de Transporte suma en Galicia unha nova parada, Sanxenxo, e suprime 23 noutros tantos concellos, cun fluxo total de 9.000 viaxeiros ao ano, tres mil en Allariz.
Lalín, O Porriño, Tui, Chantada ou Ribadavia son outros dos concellos afectados. Entre todos suman 136.000 habitantes, a maioría de zonas rurais do interior de Galicia.
Bernardo Varela, tenente de alcalde de Allariz: "Nun mundo en que se busca a mobilidade sostible, que non collamos o vehículo particular, non hai que reducir rutas senón incrementalas".
Alejandro Lorenzo, alcalde do Porriño: "O que queda claro é un abandono total do rural e un descoñecemento do que temos no noso concello".
O plan, aínda en fase preliminar, contempla outras medidas, como a supresión do tráfico dentro da comunidade autónoma, un servizo demandado por algo máis de 20.000 usuarios ao ano.
Ethel Vázquez, conselleira de Infraestruturas e Mobilidade: "Desmantélase o transporte de autobús e de tren polo rural e pedimos unha rectificación. Parécenos un despropósito".
O ministerio ten previsto comezar coas primeiras licitacións das novas concesións a finais do ano que vén. Sinalan que a maioría dos contratos actuais son deficitarios.