O novo primeiro ministro británico coñecerase o 5 de setembro
O novo primeiro ministro británico coñecerase o 5 de setembro
Haberá unhas eleccións internas para escoller o substituto de Boris Johnson
O Partido Conservador británico anunciará o seu novo líder e futuro primeiro ministro o 5 de setembro, na primeira sesión parlamentaria tras o receso do verán, despois de celebrar unhas eleccións internas para escoller o substituto de Boris Johnson, que anunciou a súa dimisión o pasado día 7 pero segue de xefe do Goberno en funcións.
A fin de acelerar as primarias para apartalo do poder, o chamado Comité 1922, que aglutina o grupo parlamentario conservador, acordou hoxe novas normas electorais, despois de renovar a súa propia executiva.
O comité, presidido por Graham Brady, decidiu que os candidatos para suceder a Johnson necesitarán o apoio de polo menos vinte deputados tories, dos oito requiridos ata o de agora, co obxectivo de reducir o número de aspirantes.
A executiva conservadora determinou ademais que quedarán eliminados na primeira rolda de votación, o próximo día 13, os aspirantes que non obteñan polo menos 30 votos dos 358 deputados conservadores na Cámara dos Comúns.
As bases elixen entre dous finalistas
O Comité 1922 prevé celebrar dúas roldas eliminatorias esta semana —mércores e xoves— e organizaría outras máis a semana próxima se fose necesario. A intención é ter dous finalistas antes do receso parlamentario do verán, que empeza o 21 de xullo, indicou Brady.
Os dous aspirantes máis votados polos deputados someteríanse entón a unha elección por correo entre os afiliados ao partido gobernante, uns 200.000, segundo datos de 2021, despois dunha campaña electoral en agosto, indicou o xefe dos parlamentarios tories.
Isto significa que apenas un 0,30 % dos 67,2 millóns de habitantes do Reino Unido elixirán o futuro primeiro ministro, a non ser que nos meses vindeiros o gañador convoque eleccións xerais anticipadas, como xa piden os laboristas. Actualmente, están previstas para 2024.
Johnson mantense á marxe
Unha vez revelado o líder conservador o 5 de setembro, o proceso para que sexa nomeado primeiro ministro pode organizarse nun prazo de 24 horas e require ir ao Palacio de Buckingham para que sexa investido pola raíña Isabel II de Inglaterra.
O prazo de presentación de candidaturas para as eleccións primarias do Partido Conservador, cos nomeamentos preceptivos, empeza e acaba mañá, precisou o presidente do Comité 1922.
Polo menos once candidatos se postularon para suceder a Johnson, entre eles o que fora ministro de Economía durante a pandemia Rishi Sunak e a aínda ministra de Exteriores Liz Truss.
Mentres que Sunak ten xa os 36 nomeamentos, espérase que outros colegas queden no camiño ao non reunilos.
Aínda que o antigo chanceler do Exchequer é o favorito das casas de apostas, unha enquisa entre as bases conservadoras lanza hoxe en primeiro lugar a Penny Mordaunt, actualmente secretaria de Estado de Comercio, que previamente foi ministra de Defensa no Executivo tory de Theresa May.
Os afiliados apoian tamén a relativamente descoñecida Kemi Badenoch, secretaria de Estado de Igualdade, e a Sunak en terceiro lugar, e as últimas posicións ocúpanas Sajid Javid, ministro de Sanidade que precipitou a caída de Johnson coa súa dimisión o pasado martes; Grant Shapps, ministro de Transporte, e a ministra do Interior Priti Patel, que aínda non confirmou se se postulará.
No medio da carreira polo liderado, que se centrará na próxima política fiscal, Johnson aclarou hoxe que non apoiará publicamente a ningún dos candidatos, a fin de "non prexudicar" as súas opcións de ser elixido.
Jonhson fixo estas declaracións durante un acto en Londres, cando tamén dixo estar "determinado" a cumprir co mandato que se lle encomendou nas eleccións xerais de 2019, que gañou por maioría absoluta, nas súas últimas semanas á fronte do Goberno.
Con todo, o líder da oposición laborista Keir Starmer ameazou con presentar unha moción de censura na Cámara dos Comúns para forzar a súa saída inmediata, á vez que pide ao novo líder que convoque eleccións xerais.