O novo xuízo a Ana Sandamil comezará o 27 de febreiro
O novo xuízo a Ana Sandamil comezará o 27 de febreiro
O 19 de decembro producirase o sorteo do xurado, tal como avanzou o pai da pequena Desirée
O novo xuízo a Ana Sandamil polo crime da súa filla Desirée Leal comezará o 27 de febreiro e estenderase ao 28, 1, 2, 3 e 6 de marzo na Sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo, segundo informou o pai da vítima, José Manuel Leal, á vez que lembrou que o vindeiro luns, 19 de decembro, producirase o sorteo do xurado.
Todo iso despois de que en novembro o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) devolvese o caso á Audiencia, onde un xulgado popular condenara á nai a prisión permanente revisable.
José Manuel Leal confesou que é un "alivio" que se concretase tan rápido a data para a repetición do devandito xuízo e que non se prolongase máis a prisión provisional de Ana Sandamil porque aos catro anos podería saír do cárcere.
"Fixéronse as cousas rápidas. Non esperaba menos. Xa levei unha decepción moi grande pola sentenza do TSXG que ordenou a repetición", indicou.
Foi en maio de 2019 cando aparecía o corpo da pequena Desirée, de tan só sete anos, con signos de ser asfixiada, na casa da nai en Muimenta, no Concello de Cospeito. Tanto a acusación particular, que encarna o pai, como a acusación popular, que leva a Fundación Amigos de Galicia, volverán pedir a prisión permanente revisable para a nai da pequena Desirée.