O Obradoiro encara a súa primeira final pola permanencia en Palencia
O Obradoiro encara a súa primeira final pola permanencia en Palencia
Moncho Fernández: "Son xogadores de elite. Son xogadores con cabeza, están afeitos a competir coa máxima presión"
O Monbus Obradoiro afronta este xoves ante o xa descendido Zunder Palencia a súa primeira final cara á permanencia na liga Endesa, xa que unha derrota condenaríao á LEB Ouro se ao día seguinte o Granada e o Breogán gañan os seus respectivos partidos ante Zaragoza e Andorra, respectivamente.
O equipo dirixido por Moncho Fernández é o primeiro dos tres equipos en perigo que xogará esta xornada. Por iso, un triunfo galego no Palacio de Deportes de Palencia metería presión aos seus rivais directos na pelexa por eludir o descenso, aínda que un tropezo do Obradoiro ante os de Luis Guil situaríao cun pé e medio na segunda categoría.
Moncho Fernández di que os xogadores están "ben e expectantes"
"Vexo que están preparados para o reto".
"Son xogadores de elite. Son xogadores con cabeza, están afeitos a competir coa máxima presión".
O duelo, polo tanto, é unha final para o Obradoiro, que pechará a liga regular recibindo na súa pista ao Joventut o vindeiro domingo. Chegar con vida e, a poder ser, dependendo de si mesmo é o dobre obxectivo que se marcou o cadro santiagués, que estará arroupado por uns 300 afeccionados en Palencia.
En fronte estará un Palencia que hai semanas que quedou sen opcións de pelexar pola salvación. Pero o bloque dirixido por Guil quere despedirse da ACB cun triunfo diante da súa afección, o segundo consecutivo despois de asaltar a fin de semana a pista do Bilbao Basket.