O Obradoiro gaña en Sevilla (71-73) e mantén vivo o soño da Copa
O equipo santiagués foi sempre por diante, pero tivo que sufrir para pechar o triunfo
Foi decisivo T. Scrubb, que anotou 19 puntos e meteu os últimos seis do Obradoiro
O Obradoiro logrou o oitavo triunfo da temporada, que mantén vivo o soño da clasificación para a Copa de Badalona e, á vez, dalle unha gran marxe sobre os postos de descenso. Porque o Betis, un dos equipos que pecha a clasificación xunto co Fuenlabrada, ten cinco triunfos menos.
A vitoria foi moi traballada, co Obradoiro levando a iniciativa no marcador e o Betis meténdose no encontro con constantes parciais que igualaban o marcador. O primeiro cuarto rematou con 17-20, e ao descanso chegouse cun 33-36 que deixaba todo aberto.
Na segunda metade, o Obradoiro mantivo sempre a vantaxe grazas ao acerto anotador dos irmáns Scrubb e Vicedo, que sobrepasaron os dez puntos. Thomas Scrubb foi especialmente importante. Seus foron 19 puntos e tamén os últimos seis do equipo santiagués, os que serviron para pechar o resultado de 71 a 73. A permanencia está máis preto para o Obradoiro, e o soño da Copa segue vivo.