O Obradoiro recibe o Xirona coa idea de gañar e mirar á parte alta da clasificación
Eric Washington será baixa e Jordan Howard está practicamente descartado
O Monbus Obradoiro e o Bàsquet Xirona enfróntanse este sábado no Multiusos Fontes do Sar co obxectivo de buscar un triunfo que lles permita engancharse á zona media-alta da táboa e vivir sen o apuro de verse preto dos postos de descenso.
Os dous equipos veñen de perder na última xornada. O Obradoiro en Andorra, despois de tirar no últimos cinco minutos un partido que tiña no seu peto tras ir gañando de 20 puntos, o Xirona na súa pista ante o Tenerife, que explotou o desacerto catalán no segundo cuarto para romper o duelo.
Á dor que supuxo regalar a vitoria no Principado uníronse outros problemas no equipo de Moncho Fernández. O base estadounidense Eric Washington desprazouse ao seu país por motivos persoais, e o internacional portorriqueño Jordan Howard está practicamente descartado por unha lesión muscular sufrida no adestramento do mércores.
Dúas baixas que se unen á xa coñecida do dominicano Rigoberto Mendoza, polo que o técnico santiagués terá que buscar solucións para compoñer o seu quebracabezas. Xogar con dous bases ou situar por momentos a Álvaro Muñoz como dous poden ser algunhas opcións, máis aló de que o croata Roko Badzim, fichado para suplir temporalmente a ausencia de Mendoza, asuma maior protagonismo na pista.
Moncho Fernández apunta ao rebote e ás perdas como dúas das claves do choque.