Publicador de contidos

Publicador de contidos

O ordenador cuántico máis potente do sur de Europa comeza a funcionar en Santiago

O ordenador cuántico máis potente do sur de Europa comeza a funcionar en Santiago

O Qmio ocupa pouco máis ca catro refixeradores e un bidón, pero ten dentro materiais supercondutores e unha tecnoloxía que vén revolucionar o mundo que coñecemos

G24.gal 04/10/2023 15:00

Nas tres universidades galegas, no Consello Superior de Investigacións Científicas, nos centros tecnolóxicos e biosanitarios e nos sectores empresariais máis destacados do país. A expectación é máxima ante a posta en marcha do ordenador cuántico con máis cúbits do sur de Europa, que se acendeu esta semana en Santiago de Compostela.

O Qmio ten un nome que fai referencia ao máis alto da investigación e da vangarda. Ocupa pouco máis ca catro refixeradores e un bidón, pero ten dentro materiais supercondutores e unha tecnoloxía que vén revolucionar o mundo que coñecemos.

"Hai moito interese. Por parte das universidades, todos os grupos que traballan en cuántica están desexando botarlle as mans a algo físico, real, probar os seus algoritmos nunha máquina real... O CSIC, tamén centros tecnolóxicos. E esperamos que os primeiros usuarios en probas comecen a mediados ou finais de mes", declarou Lois Orosa, director do CESGA.

A -273 graos Cº, o QMIO resolverá problemas irresolubles, porque a súa capacidade de computación é un salto exponencial con respecto dos ordenadores convencionais. Un cambio de era, de paradigma, porque pasamos da racionalidade do século XIX a un mundo cuántico, non de bits, senón de cubits, onde unha cousa e a súa contraria son posibles ao mesmo tempo. 

 "Se o bit é como un interruptor con dúas posicións, 0 e 1, o cubit pensemos que é unha moeda. Entón esa moeda eu vouna facer xirar e nese xiro está nunha combinación de dous estados, ou cara ou cruz, pero só cando deixa de xirar eu sei se saíu cara ou cruz", explicou Mariamo Mussa, investigadora do grupo de computación cuántica do CESGA.

Non é intuitivo, nin fácil de entender, nin de explicar. Sabemos que achegará velocidade, seguridade , que permite simulacións físicas útiles en medicina ou xeoloxía. Poderá procesar unha cantidade de datos que deixará pequenos os maiores supercomputadores.

"Ademais, temos planificada unha liña de comunicacións cuánticas, con este sistema de distribución de clave cuántica, ente Vigo e o CESGA", engadiu Natalia Costas, técnica superior de Comunicacións do CESGA
 

Foi un investimento europeo de 13 millóns de euros para instalar en Galicia o ordenador cuántico mais punteiro  ao servizo dos investigadores públicos, o tecido empresaria e o avance social.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade