O Ourense C. F. vence en Abegondo e mete presión ao Pontevedra (1-3)
O Ourense C. F. vence en Abegondo e mete presión ao Pontevedra (1-3)
Di Renzo consegue un dobrete para volver ao triunfo
O filial deportivista dispuxo de ocasións e rematou o partido con dez xogadores
O Ourense C. F. asaltou Abegondo e venceu por 3 a 1 ao filial deportivista, nun partido que tivo de todo, dende ocasións moi claras de gol ata polémica.
No comezo da primeira metade viuse un dominio na posesión do Ourense C. F., que axiña conseguiu forzar o primeiro cartón amarelo do Fabril, amosado a Marotías. Antes do primeiro cuarto de hora os visitantes aproveitaron un bo contragolpe para disparar cara á portería de Ríos, que detivo o lanzamento. Foi precisamente no 15, cando un rexeitamento tras unha gran xogada dos ourensáns foi parar aos pés de Alberto Gil, que na área pequena enviou o coiro ás mans do gardarredes coruñés. Co paso dos minutos, os brancos e azuis sacudíronse do dominio visitante inicial e comezaron achegarse á portería. Á media hora, un gran pase de Jairo deixou nunha gran posición a Kevin, que no man a man enviouna fóra. Na xogada seguinte, un rexeitamento na área pequena foi recollido por Di Renzo, que a pracer anotou o primeiro do partido. Os visitantes uliron sangue e a piques estivo Facu Gallardo de anotar o segundo, pero enviou un lanzamento de falta ao longueiro. Antes do descanso, o Ourense confirmou a súa superioridade logo de que Álex Gil puxese o segundo tras unha gran xogada colectiva.
A segunda parte principiou cun Fabril intenso, sabedor de que precisaba anotar axiña un gol se quería meterse no encontro. Quen máis perigo levou foi Kevin Sánchez, que tentou sen moito éxito modificar o electrónico. Pese ao dominio fabrilista, a piques de cumprir a hora de choque, o Ourense tivo a opción de matar o partido cunha dobre ocasión clarísima que acabou errando coa porta baleira. No 65, un remate deportivista tras un saque dende o curruncho topou co traveseiro. O dominio dos locais era incuestionable e de novo Kevin gozou dun claro man a man que de novo enviou fóra. No 70, co Fabril entregado, Di Renzo fixo o terceiro cunha gran testada. E tan só tres minutos despois, Kevin recortou diferenzas de volea tras un erro defensivo. A falta de 10 minutos, Kevin caeu na área e o árbitro non decretou pena máxima. Tras isto o defensor achegouse ao dianteiro, que se enmarañou con el e foi expulsado por dobre cartón amarelo. Nos últimos intres, os visitantes dispuxeron dun man a man para marcar o cuarto gol, pero foi detido por Hugo Ríos.
Con este resultado, o Deportivo Fabril continúa en postos de 'playot', e podería incluso caer ao descenso directo. Pola súa parte, o Ourense sitúase líder á espera do que faga o Pontevedra.