O ouro de Peleteiro coroa unha grande actuación do atletismo galego
O ouro de Peleteiro coroa unha grande actuación do atletismo galego
A ribeirense gañou o sétimo Campionato de España de atletismo en pista cuberta
Ouros para Peleteiro, Solange Pereira, Saleta Fernández e Belén Toimil
Bronce de Adrián Ben
Terminaron os Campionatos de España de Atlétismo en pista cuberta, que se desenvolveron en Ourense, cun balance final de cinco medallas para a representación galega, catro delas de ouro.
A última, a que conseguiu Ana Peleteiro, que gañou con autoridade a final de triplo salto, cunha marca de 14 metros e oito centímetros, lograda no cuarto intento. Peleteiro non tivo que forzar demasiado para facerse coa vitoria.
A tamén galega Alba Cuns quedou na cuarta posición, con mellor marca persoal e rozou o podio.
Adrián Ben tamén partía entre os favoritos na proba dos 800 metros. O viveirense acabou na terceira posición nunha carreira que gañou Álvaro de Arriba.
Foi unha fin de semana cun gran protagonismo das atletas galegas. Catro delas acadaron a medalla de ouro. Á xa referida de Ana Peleteiro hai que engadir as de Belén Toimil en lanzamento de peso, Saleta Fernández en salto de altura e Solange Pereira nos 3.000 metros.