Publicador de contidos
Publicador de contidos

O papa Francisco lava os pés a doce reclusas polo Xoves Santo

O papa Francisco lava os pés a doce reclusas polo Xoves Santo

"O Señor espéranos sempre cos brazos abertos e non se cansa nunca de perdoar", dixo o papa ante as reclusas

G24.gal 28/03/2024 18:12 Última actualización 28/03/2024 19:34

O papa Francisco celebrou este Xoves Santo na prisión feminina de Rebibbia en Roma, onde acudiu para presidir a misa da última cea e lavar os pés a doce reclusas como Xesús aos seus discípulos, un xesto que cumpriu desde a súa cadeira de rodas, emocionando as mulleres.

As presas, moitas delas chorando, subiron a unha plataforma e o pontífice pasou por diante delas, aos seus pés, para lavarllos e despois bicalos, cun mandil branco e levado na súa cadeira de rodas debido aos seus coñecidos problemas de mobilidade.

Previamente improvisara unha breve homilía baseada no tema do perdón, aínda que non a leu. No último mes a miúdo tivo que renunciar a ler os seus discursos por uns problemas respiratorios que arrastra tras unha gripe, segundo explicou el mesmo.

"Todos temos pequenos ou grandes fracasos, todos temos unha historia, pero o Señor espéranos sempre cos brazos abertos e non se cansa nunca de perdoar", afirmou dentro dunha carpa no patio do cárcere, ante as presas e o persoal da institución.

Francisco explicou que neste Xoves Santo, Xesús fixo entender, lavando os pés aos seus discípulos na última cea antes do seu arresto, que "viñera para servir e non para ser servido".

"Xesús perdoa todo, Xesús perdoa sempre, só espera que nós pidamos perdón", sostivo ante as reas.

O pontífice arxentino lembrou que unha vez "unha anciá sabia e de pobo" díxolle que "Xesús nunca se cansa de perdoar, senón que -puntualizou- somos nós quen nos cansamos de pedir perdón".

"Agora faremos o mesmo que fixo Jesús, lavar os pés, que é un xesto que chama a atención sobre a vocación do servizo. Pidamos ao señor que faga crecer en todos nós a vocación do servizo", explicou, para despois proceder a imitar a Cristo.

Tras culminar a misa, a directora do centro, Nadia Fontana, agradeceu ao papa a súa presenza: "Para cada unha delas é un raio de sol que caldea o corazón e reaviva a esperanza de poder recomenzar, aínda que se teña que facer desde cero", asegurou.

Logo, as presas regaláronlle algúns dos produtos que elas mesmas elaboran: unha cesta con verduras, un rosario con contas coas cores do arco da vella e unhas estolas. O papa devolveu o xesto entregando ao centro un cadro da Virxe e o Neno.

Ademais, Francisco puido coñecer ao único neno que vive no centro, chamado Jairo, a quen acariñou e regalou un ovo de Pascua.

O cárcere feminino de Rebibbia, na periferia romana, é o máis grande dos catro exclusivamente de mulleres que hai en Italia e na actualidade acolle 360 reclusas e un neno, de varias nacionalidades e moitas chegadas de contextos de marxinalidade.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade