O papa Francisco pide que se lles condone a débeda aos países pobres
O papa Francisco pide que se lles condone a débeda aos países pobres
O Sumo Pontífice fixo a petición na cerimonia de presentación do gran Xubileo de 2025
O papa Francisco presentou nunha cerimonia na basílica de San Pedro a bula que oficializa o gran Xubileo de 2025 e pediu que sexa un tempo de valentía para conseguir dialogar pola paz e que os gobernos condonen a débeda aos países máis pobres.
Na solemne cerimonia ante a Porta Santa da Basílica de San Pedro, que se abrirá o próximo 24 de decembro dando iniciou ao Ano Santo, o papa entregou aos arciprestes das basílicas papais en Roma e aos representantes dos bispos do mundo a bula titulada Spes non confundit (a esperanza non defrauda) coa que se anuncia o que será o seu primeiro Xubileo ordinario, que se celebra cada 25 anos.
O papa convocou un Xubileo Extraordinario dedicado á Misericordia en 2015, pero este ano Santo, o que se convoca cada 25 anos, é un dos grandes eventos da igrexa católica e espérase que preto de 35 millóns de peregrinos acudan a Roma.
No documento que o papa presentou, disponse que a Porta Santa da Basílica de San Pedro, no Vaticano, se abra a partir do 24 de decembro, dando inicio así ao Xubileo ordinario, mentres que se clausurará o 6 de xaneiro de 2026.
No Xubileo de 2025, na súa bula, o documento papal, convida os fieis a levaren "signos de esperanza", e, entre eles, Francisco desexa que o primeiro signo de esperanza se traduza en paz para o mundo, que volve atoparse mergullado na traxedia da guerra. "A humanidade, desmemoriada dos dramas do pasado, está sometida a unha proba nova e difícil cando ve moitas poboacións oprimidas pola brutalidade da violencia".
Tamén renovou o seu chamamento para que co diñeiro que se usa en armas e outros gastos militares "constituamos un Fondo mundial, para acabar dunha vez coa fame e para o desenvolvemento dos países máis pobres, de tal modo que os seus habitantes non acudan a solucións violentas ou enganosas nin necesiten abandonar os seus países para buscar unha vida máis digna".
Aos gobernos do mundo, Francisco pediu que neste ano Santo traballen para iniciativas que devolvan a esperanza; formas de amnistía ou de condonación da pena aos presos, á vez que instou a condonar a débeda aos países que nunca a poderán pagar.