O Papa sae do hospital tras tres noites ingresado: "Aínda estou vivo"
O Papa sae do hospital tras tres noites ingresado: "Aínda estou vivo"
Presidirá na praza de San Pedro a misa de Domingo de Ramos, que abre os ritos da Semana Santa, aínda que estará oficiada previsiblemente polo cardeal Leonardo Sandri
O papa Francisco recibiu a alta este sábado despois de tres días ingresado por unha bronquite e á súa saída do hospital Gemelli de Roma quixo demostrar o seu bo estado baixándose do coche axudado dun bastón e lanzando unha mensaxe: "Aínda estou vivo".
O pontífice, que foi hospitalizado o mércores por mor dunha bronquite, saíu ao redor das 10:20 hora galega do policlínico sentado no asento do copiloto dun pequeno coche, escoltado pola Policía e por axentes da súa seguridade.
Pero, ao abandonar a clínica, detívose fronte a un grupo de fieis, curiosos e xornalistas que o saudaban e ante os que contou como viviu estes días nos que o mundo seguiu a súa recuperación da bronquite que o levou ao hospital. "Só sentín malestar e non tiven medo, estou aínda vivo", insistiu Francisco aos xornalistas que lle preguntaban de forma insistente, baixado do vehículo á beira da estrada, axudado cun bastón e sempre cun sorriso no rostro.
O pontífice tivo palabras de agradecemento para os médicos e enfermeiros que o trataron nestes días no Gemelli, onde xa estivera en xullo de 2021 pola súa operación de colon, e tamén encomiou o labor dos xornalistas que seguiron o seu estado de saúde.
Nestes días ingresado e convalecente, nun apartamento de uso exclusivo dos pontífices desde tempos de Xoán Paulo II, Francisco leu a prensa, rezou na capela e antonte ceou pizza cos sanitarios e os seus colaboradores.
O venres ademais visitou os nenos da unidade de neurocirurxía e oncoloxía, levoulles ovos de pascua e outros detalles, e chegou mesmo a bautizar un deles, o pequeno Miguel Ángel, un acto que foi gravado polas cámaras vaticanas e que demostrou que o Papa camiñaba e gozaba dun aparente bo estado.
"A cousa máis fermosa destes días foi a visita aos nenos", recoñeceu o pontífice á súa saída. Antes de volver ao vehículo, o papa saudou e abrazou unha parella que onte á noite perdeu a súa filla e xuntos rezaron nestes momentos de dor.
Agora Francisco chegará ao Vaticano, á Casa Santa Marta, a residencia que escolleu en 2013 tras ser elixido Papa e tras rexeitar o histórico apartamento do Palacio Apostólico.
E, tal e como avanzou el mesmo ante as cámaras, presidirá a misa de Domingo de Ramos na praza de San Pedro, que abre os ritos da Semana Santa, aínda que estará oficiada previsiblemente polo cardeal Leonardo Sandri.