O Parlamento de Tailandia aproba a lei de matrimonio igualitario
O Parlamento de Tailandia aproba a lei de matrimonio igualitario
O cambio lexislativo podería entrar en vigor a finais deste ano
Tailandia é o terceiro país asiático en recoñecer o matrimonio igualitario, tras Taiwán e O Nepal, e o primeiro no sueste asiático
O Parlamento tailandés aprobou este mércores a lei de matrimonio igualitario, o paso lexislativo máis importante para converter a Tailandia no terceiro país de Asia en legalizar as unións entre persoas LGTBI.
A nova lei foi aprobada na súa terceira e última lectura con 399 votos a favor, 10 en contra e dúas abstencións na Cámara Baixa, dominada pola coalición gobernamental liderada polo partido Pheu Thai.
O cambio lexislativo podería entrar en vigor a finais deste ano
Algúns dos deputados que interviñeron na sesión de hoxe luciron bandeiras e adornos coas cores da bandeira LGTBI e celebraron a aprobación con aplausos e apertas.
Entre os cambios fundamentais que inclúe está a denominación dun matrimonio de "un home e unha muller" a "dúas persoas" e a modificación no status legal de "marido e muller" a unha "parella casada" sen xénero, ademais de garantir ás unións LGTBI os mesmos dereitos dos que gozan actualmente as heterosexuais.
Tras a aprobación hoxe desta lexislación, que empezou a debaterse no Parlamento o pasado 21 de decembro, aínda debe superar un par de pasos formais ata converterse en lei, como lograr o respaldo final do Senado e a súa publicación no boletín oficial do Estado tras ser rubricada polo rei de Tailandia.
Tailandia é o terceiro país asiático en recoñecer o matrimonio igualitario, tras Taiwan e Nepal, e o primeiro no sueste asiático
Unha vez entre en vigor, aproximadamente a finais de ano, Tailandia converterase no terceiro país asiático en recoñecer o matrimonio igualitario, tras Taiwan e Nepal, e o primeiro no sueste asiático.
A pesar de que o país conta cunha das comunidades LGTBI máis grandes e visibles de toda Asia, os activistas ponderan que as conservadoras leis tailandesas non reflicten os cambios e actitudes da sociedade nas últimas décadas.
O ano pasado, a Cámara Baixa xa debatera varios proxectos de lei similares, pero non chegou a aprobar ningunha proposta antes da disolución do Lexislativo previo ás eleccións do pasado maio, nas que o reformista Avanzar se impuxo cunha arrasadora vitoria, aínda que non conseguiu formar Goberno.