O PP tomba no Parlamento a creación dunha comisión de investigación sobre a privatización da AP-9
O PP tomba no Parlamento a creación dunha comisión de investigación sobre a privatización da AP-9
A proposta do BNG foi rexeitada co voto en contra de 39 deputados do PPeG e 34 votos a favor de nacionalistas e socialistas
A última sesión plenaria antes das vacacións de verán do Parlamento de Galicia rexeitou este martes a petición do BNG de creación dunha comisión de investigación sobre a privatización e a prórroga da concesión da AP-9 co voto en contra de 39 deputados do PPeG e os votos a favor de nacionalistas e socialistas (34).
No rexistro formal da petición, o pasado 24 de xuño, a líder nacionalista Ana Pontón subliñara: "As comisións de investigación na Cámara galega, tal e como están reguladas, non están circunscritas a aqueles asuntos en que ten competencias directas a Xunta, senón que tamén abranguen explicitamente calquera asunto de interese xeral, como este que afecta ao país". Os feitos obxecto de pescuda aconteceron entre os anos 2000 e 2003, durante o goberno do Partido Popular presidido por José María Aznar.
O portavoz do BNG Luís Bará defendeu a posta en marcha da comisión para indagar no presunto "trato de favor á concesionaria" da autoestrada, Audasa, por parte do Goberno central "de todas as cores". Bará fixo un relato da cronoloxía da ampliación da concesión e da venda posterior e dos seus actores, entre os que citou o expresidente do Goberno José María Aznar, os exministros de Fomento Rafael Arias Salgado e Francisco Álvarez-Cascos, a Alberto Núñez Feijóo en tanto que conselleiro de Obras Públicas en 2003 e o extesoureiro do PP Luis Bárcenas, empregado de Audasa en 2002, cuxas comparecencias reclamou.
Segundo o deputado nacionalista galego, a prórroga de 25 anos á concesión aprobada por Aznar levou a adoptar en Galicia peaxes "absolutamente abusivas ata 2048" ata o punto de que a poboación "vai ter que aguantar esta carga, e lembrarémosllo cada día". Bará mencionou un informe de 2005 do Tribunal de Contas que conclúe que a prórroga supuxo "un cuantioso volume de recursos económicos proveniente tanto de maiores beneficios tributarios e económicos como dos maiores ingresos polas peaxes". O deputado afirmou que se regou a concesionaria con agasallos fiscais e aprazamento de débeda e avogou por unha comisión de investigación perante as "sombras e sospeitas" existentes en relación á "vontade manifesta de privatizar a infraestrutura".
O parlamentario cualificou de "auténtico pelotazo e estafa aos galegos e galegas" ese asunto e mencionou o expediente aberto pola Comisión Europea e o "cúmulo de irregularidades" ao redor da prórroga da concesión, como argumentos necesarios para "poñer luz" sobre un aparente trato de favor a Audasa.
"Se non teñen nada que ocultar, se queren que se coñeza a verdade, voten a favor desta comisión, señorías do Partido Popular; se votan en contra está claro que serán cómplices da maior ultraxe a Galicia nos últimos anos", concluíu o voceiro nacionalista.
O voceiro do PSdeG Carlos López Font pediu ao resto de partidos "coherencia" e sinalou que a súa formación "sempre votou o mesmo". O deputado socialista posicionouse "a favor da gratuidade" da infraestrutura.
Así mesmo, condenou que o PP, con todo, vote en contra da gratuidade das autoestradas que xestiona a comunidade autónoma galega. López Font encomiou as políticas de bonificación adoptadas polo Goberno central e opinou tamén que a privatización "foi un pelotazo" polo que o PP debería "pedir perdón a todos os galegos e galegas". "O verdadeiro obxectivo da prórroga era aumentar o seu valor para facela máis atractiva e conseguir unha venda futura máis rendible", expresou.
Aínda que os socialistas votaron a favor da proposta do BNG, manifestaron as súas reservas de utilizar este instrumento de forma paralela á investigación da Unión Europea, que dispón de máis medios e ten "unha maior transcendencia" tanto na resolución como nas decisións que poida tomar. Neste sentido, Font afeou aos nacionalistas a proliferación de demandas neste sentido: "Votaremos a favor, pero cremos que tanta petición de comisión de investigación deprecia a súa importancia".
Na quenda do Partido Popular, o seu portavoz parlamentario Alberto Pazos manifestou a pertinencia de que sexa o Congreso dos Deputados a sede da comisión de investigación proposta: "Dado que están vostedes de acordo [nacionalistas e socialistas] na súa necesidade e teñen o lugar axeitado para facelo, onde supoño que van votar os dous grupos a favor, así que, invítoos a que o fagan e que deixen de facerlles perder o tempo aos galegos".
Pazos acusou os representantes do BNG de estaren "frustrados" polos seus resultados electorais e de traeren ao Parlamento "unha proposta cargada de incongruencias e groseiras falsidades". Pazos afirmou que a Comisión Europea investiga se a prórroga encaixa na normativa de competencia comunitaria, pero non "un pelotazo ou estafa" e, ademais, rexeitou unha investigación no Parlamento galego porque "non é posible acceder ao expediente europeo", debido a que é "reservado". Para o parlamentario do PPdeG, o "auténtico fin" desta proposta é "manipular", xa que o BNG ten "as súas conclusións redactadas", coas que pretende construír un relato "parcial" e "falso".
Tamén sinalou que houbo dúas prórrogas á concesión, unha delas do PSOE, e criticou que os socialistas "clamen ao ceo" pola privatización de Audasa cando mentres estiveron no Goberno central acometeron ata 65 privatizacións.
O parlamentario cualificou a proposta do BNG de "debate disparatado" e de "relato absolutamente parcial", negou a existencia de responsabilidade política ou xudicial sobre o asunto nas institucións galegas e lembrou que os comparecentes pretendidos na petición non teñen a obriga de facelo.
"Resulta obxectivamente evidente que non cabe realizar, no Parlamento galego, a investigación que pretende o BNG e, en consecuencia, temos que preguntarnos cal é o auténtico fin que persegue esta iniciativa, e abonda unha simple lectura da mesma para chegar á resposta axeitada: pois manipular, coma sempre; coma sempre, o BNG solicita a creación dunha comisión de investigación cuxas conclusións xa están perfectamente redactadas", expuxo.
Se ben o regulamento do Parlamento permite de xeito extraordinario e só unha vez por lexislatura a posta en marcha dun órgano deste tipo de forma automática se o solicitan dous grupos parlamentarios ou un quinto dos membros da Cámara (25 deputados), o BNG optou polo momento pola vía ordinaria para facer esta petición.