Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Parlamento de Galicia reproba a Puente coa abstención do PSdeG

O Parlamento de Galicia reproba a Puente coa abstención do PSdeG

PPdeG, BNG e Democracia Ourensá reproban o ministro de Transportes Óscar Puente por non asumir o “caos ferroviario” que se rexistrou en Galicia este verán

O ministro de Tranportes Óscar Puente, este mércores no Congreso (EFE/ Sergio Pérez) O ministro de Tranportes Óscar Puente, este mércores no Congreso (EFE/ Sergio Pérez)
G24.gal 11/09/2024 12:40 Última actualización 11/09/2024 12:55

O Parlamento galego aprobou este mércores unha proposición non de lei en que PPdeG, BNG e Democracia Ourensá reproban o ministro de Transportes, Óscar Puente, por non asumir o “caos ferroviario” que se rexistrou en Galicia este verán, e o PSOE autonómico abstívose.

Durante a defensa da iniciativa, o deputado do PPdeG Gonzalo Trenor cargou contra a “vulgaridade e chulería” do responsable de Transportes, que demostrou estar “desbordado” polo seu traballo e que aínda así non recoñece os problemas. Así mesmo, piden un interlocutor no ministerio co que poder abordar as “constantes incidencias que se rexistran” nas liñas ferroviarias.

Na proposición piden a axilización dos compromisos do Goberno en materia ferroviaria como, entre outras cuestións, a execución da saída sur de Vigo para que poida materializarse a conexión con Portugal mediante a Alta Velocidade.

A iniciativa tamén solicita o restablecemento dos servizos ferroviarios existentes antes da pandemia e que se incrementen as prazas nas conexións ferroviarias de maior demanda e se corrixan as múltiples incidencias e atrasos rexistrados no servizo.

Inclúense, ademais, demandas ao Goberno central para mellorar as conexións ferroviarias de Lugo e Ferrol, os corredores ferroviarios da Coruña-Lugo-Ourense e Vigo-Ourense-Monforte e as conexións entre Lugo e Madrid.

Fronte a iso, o deputado do PSdeG Carlos López Font cargou contra o “exercicio de hipocrisía” dos populares, a quen culpou dos atrasos na chegada da Alta Velocidade a Galicia, xa que na época de Mariano Rajoy non houbo avances.

Denunciou así a “facilidade do PP para construír relatos baseados en feitos non certos” e considerou que as acusacións do PP mostran unha “deslealdade institucional e falta de colaboración absoluta” co Goberno que conseguiu poñer en marcha o AVE en Galicia.

A aposta de Pedro Sánchez polo transporte ferroviario en Galicia “foi absoluta”, defendeu o socialista, que admitiu que si que se produciron incidencias neste servizo, aínda que debido a “axentes externos”. López Font sinalou que, a pesar das críticas do PP, o mellor termómetro que mide o servizo do tren é o aumento de viaxeiros que viviu desde a chegada de Pedro Sánchez.

Por parte do BNG, o deputado Paulo Ríos coincidiu coas críticas do PP ao ministro pero fíxoas extensivas a todos os gobernos que estiveron na Moncloa, xa que o problema é que “ningún Goberno da historia da democracia cumpriu con Galicia en materia ferroviaria”.

Reprochou así que o PP e o PSOE utilicen esta cuestión como “arma de arrebolar” cando ningunha das dúas formacións apostou realmente polo transporte ferroviario na comunidade  autónoma porque neste tipo de debates “Galicia é o último que importa” para os partidos estatais.

Segundo Ríos, o PPdeG só presenta esta proposición “para meterlle o dedo no ollo ao Goberno de Pedro Sánchez, que, neste caso, o merece”, pero lamentou que non aproveite as competencias da Xunta na materia para buscar melloras no sistema.

Pola súa banda, o deputado de Democracia Ourensá Armando Ojea avanzou o apoio a esta iniciativa e denunciou que “a cidade de Ourense está discriminada” por falta de frecuencias nas liñas, sobre todo, en relación coa capital de Galicia. 

Puente reitera que o tren vive o seu mellor momento, con alzas de dous díxitos en pasaxeiros

O ministro de Transportes e Mobilidad Sostible Óscar Puente reiterou este mércores que España vive o mellor momento ferroviario da súa historia, cun crecemento de dous díxitos en número de pasaxeiros ao ano.

Así asegurou o ministro na súa resposta no Pleno do Congreso ao deputado do PP Eduardo Carazo, segundo quen, o triunfalismo de Puente "choca coa realidade", á vista das múltiples incidencias que se produciron na rede ferroviaria española durante este verán.

O ministro defendeu a súa afirmación, destacando que o 31 de maio deste ano 118.000 persoas viaxaron en alta velocidade no noso país, récord histórico absoluto, e culpando o PP do abandono que viviu o sistema ferroviario baixo o seu goberno.

O ministro recalcou que hoxe se viaxa en tren a territorios como Galicia ou Asturias, que "vostedes deixaron absolutamente abandonados e relegados", na metade de tempo do que se viaxaba hai cinco anos e con taxas de ocupación do 95 %.

Na súa opinión, "tal é así, que o tráfico ferroviario no noso país en número de pasaxeiros crece en dous díxitos ao ano. Fíxese o mal que van os trens, que cada vez van máis viaxeiros en tren no noso país", apuntou.

No últimos cinco anos, incorporamos á nosa rede de alta velocidade 750 quilómetros novos, máis que todos os países da Unión Europea xuntos, subliñou.

"Iso é España", mentres que isto que pasa cos trens é, para Puente: "o que pasa en xeral co noso país; o problema é que todo o que son boas noticias para España son malas noticias para vostedes".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade