O Parlamento venezolano insta o Goberno a romper relacións con España
O Parlamento venezolano insta o Goberno a romper relacións con España
Pide avaliar a ruptura de "todas as relacións" diplomáticas, consulares, económicas e comerciais con España despois de que o Congreso recoñecese a González Urrutia como presidente
As autoridades relacionan os dous españois detidos con "prostitutas vinculadas a grupos criminais" e arrestan un cuarto cidadán estadounidense por participar en actos terroristas
O Parlamento de Venezuela, controlado polo chavismo, presentou este martes o proxecto co que instará o Goberno a "avaliar" a ruptura das relacións diplomáticas e comerciais con España, como resposta á decisión do Congreso español de recoñecer o opositor Edmundo González Urrutia, exiliado no país europeo, como presidente electo.
O pasado 11 de setembro, o Congreso, co voto en contra do gobernante Partido Socialista Obreiro Español (PSOE), aprobou unha proposición non de lei impulsada polo Partido Popular (PP), na que pide ao Goberno recoñecer como presidente de Venezuela a González Urrutia, quen chegou a Madrid o día 8 deste mes para buscar asilo ante a persecución que asegura sufrir no seu país.
Nese sentido, a Asemblea Nacional venezolana rexeita, segundo o proxecto de acordo, "a nefasta resolución promovida pola dereita fascista do Congreso" do país europeo e exhorta os parlamentarios españois a "respectaren a decisión do pobo venezolano, que elixiu, soberanamente", a Maduro como presidente nos comicios do 28 de xullo.
O proxecto da AN sinala a decisión do Congreso español como unha "acción que pretende descoñecer a institucionalidade democrática" de Venezuela, ademais da vontade soberana de todo un pobo" e insiste: "Xamais aceptaremos que ningún Goberno estranxeiro ou instancia internacional impoña condicións e se inmiscúa nos asuntos internos", agrega o documento.
O proxecto foi presentado á solicitude do presidente do Lexislativo Jorge Rodríguez, que a semana pasada pediu redactar unha resolución, que espera que sexa aprobada, para instar o Executivo a romper "todas as relacións" diplomáticas, consulares, económicas e comerciais con España.
Son xa sete os estranxeiros arrestados en Venezuela por participaren en actos terroristas
As autoridades de Venezuela detiveron outro cidadán estadounidense vinculado, presuntamente, con plans violentos, que se suma aos outros tres norteamericanos, dous españois e un checo arrestados nos últimos días. O Goberno vincula a todos eles con actos terroristas.
Avanzouno o ministro de Interior e Xustiza Diosdado Cabello. Segundo explicou, o capturado este martes "forma parte do plan contra Venezuela" para "asasinar o presidente" Nicolás Maduro e outros altos funcionarios.
Cabello insiste en vincular os dous españois detidos co CNI e afirma que están relacionados con prostitutas vinculadas a grupos criminais. Segundo indicou, "están resgardados polas autoridades de Venezuela nun lugar seguro", pero non precisou onde.
Este martes, o chanceler español José Manuel Albares pediu ao seu homólogo venezolano Yván Gil que, "como marca a Convención de Viena", confirme a identidade dos dous detidos en Venezuela, informe de onde se atopan agora e explique baixo que cargos foron detidos.