Publicador de contidos
Publicador de contidos

O peche do maior fabricante de Europa de bolsas para recollida de ouriños causa problemas de stock nas farmacias

O peche do maior fabricante de Europa de bolsas para recollida de ouriños causa problemas de stock nas farmacias

Afectou sobre todo os compoñentes para a fabricación de bolsas de ouriños de cama

O problema vai camiño de resolverse coa incorporación de provedores nacionais

Houbo quen aproveitou a escaseza para facer negocio coa revenda de produto

G24.gal 17/04/2024 14:38

O dispositivo que recolle os ouriños ou as feces é vital para os pacientes ostomizados, temporais ou crónicos. A falta deste produto supón un problema grave.

"Que non haxa bolsas é fatal para os ostomizados. Hai doentes que necesitan cambiar máis dunha bolsa ao día", di Mónica Rodríguez, membro da Asociación de Enfermos de Crohn e Colite Ulcerosa (ACCU) de Vigo.

Unha situación de desabastecemento deste material que se dá dende hai uns meses nas farmacias. A causa é o peche dun dos maiores fabricantes de Europa. E afectou sobre todo ás bolsas de ouriños.

"O motivo foi que pechou a fábrica que producía os elementos das bolsas para doentes ostomizados", sinala Adrián Acuña, farmacéutico e vogal do Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra.

As boticas organízanse para darlles servizo aos seus clientes. Houbo algún caso en que o doente se viu na obriga de reutilizalos, unha solución nada recomendable.

"Veñen en paquetes de 30 bolsas, para un uso diario, non debe reutilizarse para evitar infeccións", di Iria Muradás, encargada dunha farmacia en Vigo.

É un produto cuberto pola sanidade pública. Aínda que hai no mercado modelos fóra do catálogo. E por aí houbo quen quixo aproveitarse da escaseza para facer negocio, pedindo o triplo do prezo normal.

"En Internet, como sucede con outras cousas, houbo quen amoreou material fóra do catálogo de medicamentos e logo vendeunos por prezos desorbitados. Pedían 300 euros por un paquete que vale 100", asegura Ángela Paz, presidenta da Asociación Sociosanitaria Enfermidades Inflamatorias Intestinais e Ostomizados de Pontevedra.

Nas últimas semanas foi minorando o problema, coa incorporación de provedores nacionais. Con todo, o consello dos expertos é ser previsores e contar con repostos abondos na casa.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos