O PIB de Galicia sobe un 0,8 % no terceiro trimestre e sitúa a taxa anual no 2,8 %
O PIB de Galicia sobe un 0,8 % no terceiro trimestre e sitúa a taxa anual no 2,8 %
A formación bruta de capital crece un 1,6 %
O produto interior bruto (PIB) galego rexistra unha variación interanual do 2,8 % no terceiro trimestre do ano, tras un ascenso intertrimestral do 0,8 %, segundo os datos das contas económicas trimestrais de Galicia que publica este venres o Instituto Galego de Estatística (IGE).
No terceiro trimestre do 2024, o gasto en consumo final experimenta un incremento do 1,2 %, mentres que a formación bruta de capital crece un 1,6 %. As exportacións de bens e servizos mostran unha taxa de variación interanual do 4,3 %, superando o aumento do 1,3 % rexistrado nas importacións.
En canto á produción sectorial, o valor engadido bruto das ramas primarias diminúe un 2,8 %, mentres que a industria e a construción rexistran incrementos do 3,3 % e 3,5 %, respectivamente. O sector servizos rexistra tamén un crecemento interanual do 3,3 %.
Os postos de traballo equivalentes a tempo completo, definidos como o número de horas traballadas entre a xornada media realizada en postos de traballo a tempo completo, aumentan un 0,7 % con respecto ao mesmo trimestre do ano anterior.