Os motores do crecemento, por Venancio Salcines
OPINIÓN
Os motores do crecemento, por Venancio Salcines
O Fondo Monetario Internacional móstrase sorprendido porque España supera as súas expectativas de crecemento. Certamente os datos nacionais son bos, como foron os do ano pasado, pero, que acontece para que teñamos tal vento de cola?
O primeiro é lembrar que acabamos o ano 2018 sendo 46.658.447 españois e rematamos o 2024 sendo 48.797.875 millóns de habitantes. É dicir, incrementamos a poboación en máis de dous millón de persoas. Aquí é bo recordar que en España morren cada ano cen mil persoas máis das que nacen. Por tanto, cando crecemos facémolo con poboación adulta, é dicir, con persoas que consumen e viven como adultos e, polo tanto, fan tracción da economía. A maiores, estímase que temos preto de setecentos mil irregulares. É dicir, falamos de preto de tres millóns de persoas. Polo tanto, lóxico que medremos, non queda outra.
A maiores de todo isto, somos un país de ocio e turismo e estamos a vivir as maiores campañas turísticas da historia, froito da ansia de liberade e lecer xerada pola covid-19. E, por último, un terceiro dato, o noso país sempre sae das crises mellorando a súa produtividade, consecuencia de ter un tecido inmenso de pequenas empresas, moitas destas morren coas crises, pasando os seus traballadores ás empresas superviventes, polo xeral, máis eficientes.
Cal é o futuro que nos espera? Positivo, aínda que con ameazas, a máis sorprendente, un posible estrangulamento do crecemento por falta de talento, o cal empeza a escasear en toda España.