O "Plan da vitoria" ucraíno prevé lanzar ataques contra máis rexións de Rusia
O "Plan da vitoria" ucraíno prevé lanzar ataques contra máis rexións de Rusia
Volodímir Zelenski, pide aos aliados suficiente armamento e decisións políticas que lle permitan pasar a unha fase de ofensiva na guerra contra Rusia
O chamado "Plan da vitoria" do presidente ucraíno, Volodímir Zelenski, pide aos aliados suficiente armamento e decisións políticas que permitan a Ucraína levar a cabo novas operacións contra territorios rusos, segundo revelou este mércores o xefe de Estado ante o Parlamento ou Rada Suprema.
Zelenski explicou que o segundo punto do plan consiste, entre outras cousas, nunha lista do armamento necesario para reforzar as posicións ucraínas e levar a guerra a Rusia de maneira que se evite a creación de "zonas de seguridade" das tropas inimigas en Ucraína e para que a opinión pública rusa "senta" as consecuencias da guerra e aumente a súa presión sobre o Kremlin.
Este segundo punto do plan -que consta doutros catro epígrafes- inclúe tamén, como se esperaba, a petición aos socios de Ucraína para que levanten a prohibición de utilizar o armamento de longo alcance que lle fornecen contra obxectivos situados dentro da Federación Rusa.
Outra esixencia do documento é que Ucraína reciba defensas antiaéreas suficientes para protexerse con garantías dos ataques rusos.
O "Plan da vitoria" solicita así mesmo que os aliados de Kíiv lle pasen "en tempo real" a información de intelixencia sobre Rusia para poder socavar o potencial de guerra ruso.
Kíiv pide, ademais, que os países europeos veciños de Ucraína, é dicir Romanía e Polonia, participen desde o seu territorio na derriba de drons e mísiles rusos dentro de Ucraína que se acheguen ao seu espazo aéreo.
Algúns aspectos deste piar do "Plan da vitoria" de Zelenski non se revelou para non comprometer a súa efectividade.