Cada cidadán europeo xera 190 quilos de residuos de envases ao ano
Cada cidadán europeo xera 190 quilos de residuos de envases ao ano
Cambios normativos tratarán de reducilos e facelos máis sostibles nos próximos anos
A prevención comeza por eliminar envases innecesarios
Bolsas, caixas ou botellas. Desde o momento que facemos a compra estamos xerando unha inxente cantidade de residuos, e só o 40 % acaba na reciclaxe. O problema vai a máis, e Europa quere frealo con novas normas que comezan por evitar envases innecesarios.
"O 80 % do problema da xeración de residuos está no deseño do produto, os fabricantes e produtores teñen moita responsabilidade. Se merco algo pequeno que vén nunha caixa enorme, é un desperdicio de recursos", explica José Pernas García, profesor de Dereito Administrativo da UDC.
Pero non todo se pode comprar a granel e seguen facendo falta moitos envases. Por iso se está a avanzar na innovación e no deseño do ecoenvasado.
"O ecodeseño é unha ferramenta de prevención moi útil. O que fai é alixeirar o peso do envase e tamén escolle os materiais para que o envase sexa máis sostible e reduza a pegada de carbono na viaxe ata o consumidor", engade Belén García, directora da plataforma tecnolóxica de embalaxe Packnet.
En paralelo, Europa tamén vai loitar contra o branqueo ecolóxico, de xeito que ningún produto ou envase empregue reclamos verdes se non conta cunha certificación que os avale.
"Queremos poñer o foco para distinguir o que si é verde, ecolóxico e sostible do que non", di Francisco Longarela, o coordinador das xornadas sobre envasado alimentario organizadas no Gaiás pola Unión de Consumidores de Galicia.
E todo sen esquecer o papel da cidadanía á hora reducir, reutilizar e reciclar.