A Xunta asumirá o 60 % da suba do canon de Sogama para o ano 2025
A Xunta asumirá o 60 % da suba do canon de Sogama para o ano 2025
O Goberno galego pagará 25 dos 42 euros de aumento e os concellos 17 euros
Os municipios deberán cumprir unha serie de requisitos en consonancia con obxectivos europeos
Tras a reunión da Xunta con Sogama e a FEGAMP, o goberno galego concretou que asumirá o 60 % da suba do canon pola xestión de residuos para o ano 2025. O custo real será de 83 euros por tonelada. O Goberno galego pagará 25 dos 42 euros de aumento e os concellos 17.
"Deses 42 euros, a Xunta vai soportar 25 euros, e por tanto os concellos van pagar 17 euros ata os 83 euros por tonelada, que é un incremento dun 25 %", di Javier Domínguez, presidente executivo de Sogama.
Cumprindo os concellos, iso si, unha serie de requisitos, que van en consonancia con obxectivos europeos.
"Reducir un 1 % como mínimo con respecto ao ano anterior a produción de residuos urbanos do contedor verde que mandan a Sogama, incrementar a recollida selectiva do contedor amarelo ou incrementar un 3 % a recollida selectiva do contedor marrón", engade.
Sogama xustificou a suba do canon na xestión de residuos para paliar o impacto económico de varias medidas tomadas polo Goberno central, entre elas, segundo apuntan, está o imposto estatal sobre vertedura e incineración, a orde ministerial que elimina a retribución que recibía Sogama pola planta termoeléctrica de Cerceda e o imposto estatal de produción de enerxía.
"A Xunta unha vez máis incentiva, axuda os concellos e reduce a tarifa de Sogama fronte ao Goberno que impón unilateralmente e sanciona os concellos", asegura.
Incluso con esta actualización, Sogama destaca que vai ter o canon máis barato de Galicia e dos máis baratos de España.