Acumulamos toneladas de refugallos con alto valor na industria actual
Acumulamos toneladas de refugallos con alto valor na industria actual
As vivendas particulares agochan auténticos filóns de materiais moi demandados pola industria actual, como cobre ou litio, cada vez máis escasos e máis caros
Son os compoñentes de teléfonos móbiles, tabletas ou cargadores obsoletos que imos acumulando nas casas cando os substituímos por outros novos
É o que se denomina minería urbana. Auténticos xacementos de metais que non están na natureza, senón en caixóns e trasteiros das vivendas.
"Móbiles que non se usen na casa debo ter 3 ou 4". "Mandos, unha tableta que non funciona, móbiles...". "Eu gárdoos como reliquias, por se valen cartos dentro duns anos, pero non creo", confirman varias persoas.
A demanda de cobre está crecendo na industria actual a un ritmo do 3 % anual e calcúlase que o cobalto empregado nos móbiles nos últimos 20 anos só na Unión Europea daría para fabricar as baterías de dez millóns de coches eléctricos.
"Para producir 3 quilos de ouro, precisas 300 toneladas de terra, pero reciclando chega coa quinta parte, con corenta toneladas de móbiles, terías a mesma cantidade de ouro", explica Eduardo Balvís, profesor da Escola Superior de Enxeñaría Informática de Ourense.
Son materiais que se reciclan nos puntos limpos. As propias tendas de electrónica adoitan ter depósitos de recollida.
"Recollémolos, acumulámolos e, cando hai unha cantidade suficiente, véñenos recoller para reciclar", relata Santiago Regueiro, vendedor de electrodomésticos.
"Ás veces non tes tempo, ou non te acordas, non sabes onde deixalos... ou porque pensas que o punto limpo está lonxe, e ao mellor telo ao lado da casa", engade unha clienta.
Este sábado celébrase o Día Internacional da Reparación, ideado en 2017 para combater a crecente xeración de refugallos.