Os policías describen a morte da panadeira do Birloque como "rápida e por sorpresa"
Os policías describen a morte da panadeira do Birloque como "rápida e por sorpresa"
Os axentes coinciden en que o acusado matou a Mónica porque ela quería pór fin á relación
Describen un escenario tremendamente violento e un ataque rápido que colleu a vítima por sorpresa
Caso de violencia de xénero "de manual". Definiuno así o xefe da Unidade de Violencia de Xénero da Policía Nacional e confirmábano hoxe mesmo varios axentes, baseándose no seu patrón de conduta con parellas anteriores.
"Era unha persoa moi celosa, como xa constaba en dilixencias previstas no sistema VioGén, unha persoa con tendencias suicidas, que ameazaba con suicidarse. Unha persoa moi controladora", describe un axente.
As discusións, cada vez máis frecuentes, con Mónica converteron o acusado no primeiro sospeitoso, xa na escena do crime. A primeira policía que falou cos fillos describiu un escenario tremendamente violento.
"O corpo da nai no cuarto impactaba tremendamente. Había un gran charco de sangue e tiña unha ferida que chamaba poderosamente a atención pola gravidade que presentaba xa visualmente"
Pero tamén apuntan a un ataque por sorpresa, sen loita previa.
"Debeu ser unha morte rápida porque non había nin sinais de violencia nos obxectos movidos no cuarto nin nos restos de sangue. Non houbo loita", explica un policía.
Para ninguén dos que estivo alí aquela noite pasaron desapercibidas a pintadas que supostamente o acusado deixou nos espellos dos baños: nunha escribiu "Eu non son malo". Noutro: "TQM".
"TQM, que podería significar 'Te quiero mucho'", matiza un dos axentes.