Medo e indignación en Vilardevós polo regueiro de accidentes contras as casas
Medo e indignación en Vilardevós polo regueiro de accidentes contras as casas
No que vai de ano rexistráronse xa cinco accidentes no treito da OU-310 que pasa pola súa aldea
Indignados e con medo viven en Bemposta, no concello ourensán de Vilardevós. No que vai de ano rexistráronse xa cinco accidentes no treito da OU-310 que pasa pola súa aldea. Os coches non respectan o límite de 50 quilómetros hora e saen das curvas. Nos dous últimos sinistros foron contra as casas, provocando importantes danos e o peor, case levan un veciño por diante.
Eran as cinco da mañá cando Carlos escoitou un forte estrondo, axiña se levantou da cama, baixou e atopou dous ocupantes no coche que se esnafrou contra a súa casa. Tiveron que ser rescatados polos bombeiros. Non sufriron feridas graves, un milagre, porque o impacto foi brutal, Carlos aínda non rematou de reparar todos os danos. E esta é a quinta vez que un coche se esnafra contra a súa casa. Esta a máis grave, levaron por diante árbores, o poste da luz, as columnas do peche da casa e a cancela.
Días despois, saíu outro coche no mesmo treito da OU-310 e case leva por diante a José. Salvou a vida, asegura, por cuestión de segundos. Un turismo saíu da estrada e circulou varios metros pola beiravía antes de ir parar a súa casa.
Piden que os coches crucen a aldea amodo, respectando os 50 quilómetros por hora e que instalen pasos de peóns elevados e un radar.
Están dispostos a mobilizarse como sexa para que escoiten as súas demandas, que dende o Concello de Vilardevós xa trasladaron a Infraestruturas.